O Breo xa ten no seu poder o pasaporte para a viaxe á ACB

I.M.B.

DEPORTES

Óscar Cela

Os resultados da última xornada da primeira volta na segunda fase clasifican de xeito matemático ao equipo lucense para o «play-off» de ascenso

16 abr 2021 . Actualizado ás 21:45 h.

O Río Breogán pechou na cancha do Almansa a primeira volta dunha liguiña de ascenso que completou con tres vitorias e dúas derrotas que lle manteñen no liderado da clasificación. Agardábase máis do equipo lucense, sobre todo despois do seu brillante rendemento na primeira parte do campionato. A vitoria en casa ante o Granada (85-78), no seu partido inaugural, foi a máis convincente dos pupilos de Diego Epifanio, que se impuxeron con moitos apuros ao Palma (74-76) e con sufrimento ao Almansa (68-81), a pesar do marcador final, e saíron derrotados da pista do TAU Castelló (86-70) e da visita ao Pazo do HLA Alacante (82-85). A pesar das dúbidas sementadas, que no club entenden e xustifican, o Breo iniciará a segunda volta desta fase nunha inmellorable disposición para ser o primeiro cabeza de serie nas eliminatorias polo ascenso á ACB. O TAU será o vindeiro sábado o primeiro obstáculo do decisivo esprint final.

O Palma bateu ao Valladolid

Na liguiña de ascenso, a última xornada da primeira volta completouse coa vitoria do Palma sobre o Valladolid (98-81), con McDowell e Pol Figueras en plan estelar con 33 e 32 créditos de valoración respectivamente. Tras este resultado, o conxunto balear sitúase na sétima da táboa con seis vitorias e sete derrotas e o Breo logra a clasificación matemática para as eliminatorias polo ascenso á Liga Endesa.