O meu club recreativo vai pechar?

La Voz REDACCIÓN

DEPORTES

EDUARDO PEREZ

Os grandes clubs sociodeportivos galegos, entre o peche, as dúbidas pola norma e a resiliencia

26 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Os grandes clubs sociodeportivos de Galicia son agora mesmo un mar de dúbidas sobre se poderán seguir abertos.

LUGO

Tito Valledor, presidente do Club Fluvial, recoñece que o máis probable é que pechen ao non permitirse o deporte que non sexa ao aire libre. De todos os xeitos agardarán á publicación da DOG para tomar unha decisión concreta. Con respecto ao pagamento das cotas, é algo que teñen que deliberar nunha xunta de socios e que, salvo causa de forza maior, non se van a suspender. Como moito prorratearán os pagamentos daquelas actividades como os cursos de natación, que non se poderán celebrar estas semanas.

«Como é habitual desde o inicio da pandemia, a directiva do Club Fluvial adoptará todas aquelas medidas que permitan conciliar a situación sociosanitaria actual cos dereitos das súas persoas asociadas para seguir ofrecendo, na medida das súas posibilidades, unha alternativa de lecer e deporte responsable. Do mesmo xeito que en anteriores datas, a entidade atópase á espera de coñecer pormenorizadamente as directrices anunciadas este mediodía en rolda de prensa. Será a partir da publicación do Diario Oficial de Galicia cando a xunta directiva poida avaliar o impacto que terán as novas restricións sobre o día a día do club e, consecuentemente, proceder a impulsar as oportunas decisións. En calquera caso, o Club Fluvial é consciente de que a prioridade nestes momentos é a saúde e, xa que logo, como non podía ser doutro xeito, acatará as resolucións anunciadas na xornada de hoxe», explicaba a sociedade nun comunicado no día de onte.

FERROL

O Club de Campo Ferrol, con 1.500 socios de número e 5.000 asociados, de momento non barallan pechar toda a instalación. A expensas do DOG, en principio pecharán o local social, o ximnasio e a piscina. Dispoñen dunha gran superficie ao aire libre, polo que están pendentes de se os usuarios poden ir facer deporte ao aire libre de xeito individual.

Tamén dispoñen de pistas de tenis e pádel. Neste caso teñen dúbida de se se pode seguir xogando ao tenis e pádel. Na súa escola hai xogadores que compiten a nivel estatal e que poderán seguir adestrando.

Non barallan deixar de cobrar as cotas, xa que asegura que é unha decisión que non pode tomar a directiva, que só podería decidirse nunha asemblea de socios.

En canto ao Casino Tenis Club, con 1.700 socios de número e 3.700 usuarios, nas instalacións principais na rúa Real, en Ferrol, péchase a hostalería e demais actividades, sala de lectura e ximnasio. Permanecerá aberto só para acceder ás oficinas da secretaría.

Nas instalacións do Tenis, manterán abertas as pistas. Susana Martínez, a presidenta, asegura que xa consultou no anterior confinamento e confirmáronlle que o tenis é un deporte individual. Teñen dúbidas sobre as pistas de pádel. Tamén deixarán aberta a instalación por se alguén quere ir pasear alí, aínda que a hostalería e ximnasio estarán pechados.

Aseguran que tampouco farán un ERTE, que do mesmo xeito que no confinamento anterior manterán a todos os traballadores para manter as instalacións en condicións.

En canto a Be One, concesionario da piscina climatizada da Malata, Antonio Salazar, o director, asegura que a medida lles afecta de cheo. «Temos que pechar a instalación, tanto o ximnasio como a piscina. O mércores xa non abriremos as instalacións», sinala. Non dá unha cifra exacta aínda que asegura que centos de persoas utilizan diariamente esta instalación, tanta piscina como ximnasio. «Tras o primeiro confinamento, abrimos en xuño, aínda que perdemos en 70 % dos usuarios das instalacións. Agora será moito peor», asegura o director Antonio Salazar. En canto aos traballadores indican que a empresa terá que facer un ERTE.

A Coruña

Santiago Togores, presidente da Real Sociedade Deportiva Hípica, está pendente do DOG para ver se poden salvar algunha actividade, pero «as perspectivas non son halagüeñas» dado que por exemplo, a hípica, non poden levalo a cabo porque os cabalos os teñen en Abegondo e non poderían ir buscalos para as clases de equitación.Están pendentes de ver se poden seguir mantendo as actividades de tenis e de pádel dun contra un. Teñen 42 traballadores, algúns pasaron ao ERTE durante o confinamento estrito de marzo, e contan con 2.000 socios, que seguirán facendo fronte ás cotas para manter viva a socidad.

Desde o Real Club de Golf da Coruña sinalan que queren agardar a que as medidas se concreten no decreto e aseguran que farán o que lles digan desde a Federación Galega e desde a Xunta.

En canto ao Sporting Club Casino, cunha área de lecer-cultual na rúa Real da Coruña e un parque deportivo na Zapateira, están á espera de que se concreten as normas. En principio, terán que pechar todas as instalacións cubertas, pero dispoñen de moitas outras como pistas de tenis e de pádel, campo de fútbol, pista de tiro con arco, de atletismo... Están á espera de noticias definitivas e a partir de aí tomarán unha decisión.

COSTA DA MORTE

O centro de adestramento Dafit, en Cee, pecha. Pasará a súa actividade á rede, como fixo xa no confinamento.

O club Pádel Costa da Morte, en Vimianzo, pecha porque non ten ningún deportista federado a nivel nacional.

BARBANZA

O Barbanza Pitch&Putt, situado en Moimenta, que seguía aberto para os usuarios de Boiro, acordou onte á noite pechar: «Os gastos de mantemento son os mesmos de todos os xeitos», afirma o seu xerente, Alberto Colón, quen confesa dos 270 socios que ten, só uns 40 residen no municipio onde se atopa o campo de golf. Sobre que fará coa cota, afirma que aínda está ao pensar. Durante o confinamento pasou unha reducida para gastos de mantemento: «E non tivemos ningún problema, houbo quen quixo pagala íntegra, pero negámonos. Agora non sabemos que faremos».

O que tamén seguirá pasando os abonos será o Real Club Náutico de Portosín que, con máis de 600 socios, é outra das grandes entidades de Barbanza. Aínda que verá a súa actividade reducida por completo, o seu comodoro, Fernando González, lembra que «no confinamento non fixemos ERE nin ERTE e quero ser optimista nesta ocasión». Naquel momento, os membros do club optaron por arrimar o ombro, e espera que nesta ocasión ocorra o mesmo.

SANTIAGO

O Aero Club de Santiago ten o seu campo de golf no veciño concello de Ames. E só un 10 % dos seus afiliados residen neste municipio e serían os que poderían utilizar ditas instalacións. No entanto, Álex Veiras, director deportivo da entidade, apunta que «antes de tomar ningunha decisión, imos agardar a que as medidas saian publicadas no Diario Oficial de Galicia». Deste xeito pretenden evitar equívocos: «Non está claro se temos que pechar as instalacións ou non». No primeiro caso, non hai debate. No segundo, o club terá que decidir se é factible mantelas operativas só para un 10 %dos seus socios.

Jesús Souto, director do Squash Club Santiago, confirma que pecharán as instalacións de todo o complexo, entre as cales se inclúen pádel e tenis. Fai votos para que o paréntese non se alongue porque a situación «é moi delicada».

AROUSA

Desde  Club de Tenis e Pádel O Rial de Vilagarcía sinalan que se toman moi en serio todas estas normas e medidas, e xa desde o inicio alá polo mes de Marzo nomeamos unha responsable de supervisar todo o concernente ás medidas covid a levar no club. Dita responsable é á súa vez membro da directiva e médico de profesión.

As medidas de restrición que entran en vigor o 27 /01/2020 son: O Club estará pechado para toda actividade social; a cafetería estará pechada , só se permitirá servizo para recoller e levar a domicilio; o ximnasio e os vestiarios estarán pechados; e lLa actividade deportiva no Club :é exclusiva para a práctica de deporte individual, con uso obrigatorio de máscara, sempre posta, respecto de todos os protocolos covid existentes, previa reserva de pista e tras pasar control de acceso de identificación e control de temperatura.

PONTEVEDRA

O Liceo Casino, que ten a sede na cidade e as instalacións deportivas, na Caeira (Poio), xa ten todo pechado desde fai dez días, cando comezaron os peches perimetrais. «Á vista do anterior, péchanse as instalacións do Parque da Caeira e a suspensión de todas as actividades deportivas a partir de mañá venres 15 de xaneiro e ata novo aviso.Suspéndese o servizo activo do persoal salvo as tarefas de administración, de limpeza e de mantemento no parque da Caeira e na sede social. Sentimos as molestias que estas medidas xeran. A actividade renovarase unha vez permítao a normativa», explicaron, no seu día. Polo momento, seguen cobrando as cotas aos seus socios.

O outro centro deportivo e cultural é o Casino Mercantil. Ten a sede no centro e as instalacións deportivas en Mourente (Pontevedra). Aínda descoñecen o que farán e hoxe tomarán unha decisión. Existe a posibilidade de que poida continuar co tenis porque algúns dos que adestran alí están federados e participan en competicións nacionais, pero o presidente, Ernesto Filgueira, non sabe que vai facer.

No Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo están a consultar coas federacións de tenis e pádel para saber a que acollerse. Adestran a xogadores que acoden a torneos nacionais e internacionais para puntuar nos dous ránking. Ata hoxe non saberán que poden facer.

VIGO

No Náutico de Vigo din que, ante todo, van agardar ao que se publique no DOG para tomar decisións firmes. Pero que, en principio, os deportes que seguen activos son tenis e vea (optimist e láser) e que en todo o demais terán que pechar durante estas tres semanas.

OURENSE

En Ourense, o centro deportivo con maior número de abonados é o Pavillón, dependente do Consello Municipal de Deportes, cuxo xerente, Mario González, explica que «aínda temos que estudar detidamente o decreto cando se publique, pero entendemos que si está claro o feito de que temos que volver interromper a actividade dos abonados, que regresaran hai apenas uns días, tras as obras». Apunta tamén que era algo que se podían agardar, polo que haberá que contemplar novas medidas para compensar aos usuarios que xa habían pago, como se fixo con anterioridade.

Por outra banda, o mesmo interlocutor advirte: «As instalacións seguirán abertas só para os equipos de nivel nacional, tanto para adestramentos como partidos. Os participantes en competicións autonómicas, xa suspendidas con anterioridade, estaban a se adestrar e terán que deixar de facelo, pero a dúbida xórdenos en cales son os deportistas individuais de nivel nacional e cales non, o que teremos que estudar nas próximas horas».

Outro centro con notable afluencia de deportistas e usuarios ao longo do ano é o complexo deportivo de Monterrei, dependente directamente da Xunta de Galicia. Manuel Pérez, á fronte do Servizo Provincial de Deportes, sinalaba: «Aínda temos que determinar o que faremos coa instalación, porque ao ser ao aire libre, si podería utilizala un atleta con máscara, por exemplo». Ao contar coa pista Josefina Salgado no seu interior, eran varios os atletas de distintos niveis que se adestraban nese complexo, onde tamén se practica o pádel e o tenis.

Información elaborada por Melisa Rodríguez, Álvaro Sevilla, Pablo Penedo, Luis M. Rodríguez, Nieves Domínguez, Manuel G. Reigosa, Jose Valencia, Míriam Vázquez, David Cofán, Montse Carneiro e Iván Antelo