Marta Bobo: «Eu adestro para gañar»

DEPORTES

MARCOS MÍGUEZ

A ex ximnasta e profesora da Universidade da Coruña rememora as desavinzas coa federación que a levaron a pasar cinco anos no Canadá

15 ene 2021 . Actualizado ás 13:05 h.

En certo xeito comunica a mesma contraditoria impresión de fraxilidade e fortaleza que cando brincaba polo Pauley Pavilion de Los Ángeles. Desde entón, desde aquel minuto e medio máis longo da súa vida, Marta Bobo (Ourense, 1966) deu, literalmente, algunhas voltas ao mundo. E, a pesar diso, aínda lle amarga o trato que lle deron os gerifaltes deportivos.

-Naceu en Ourense, a que se dedicaban os seus pais?

-O meu pai era axente comercial, relacionado co téxtil. E a miña nai traballaba en casa, que non era pouco, porque tivo que criar a cinco fillas.

-¡Cinco fillas!

-María, Marta, Belén, Susana e Estela . Cinco fillas en sete anos.

-Serían terribles.

-Si, as Bobo. En Baiona, onde veraneabamos, chamábannos os patitos Bobo, porque non saïamos da auga, ja, ja.

-Pero con 12 anos xa se foi a Madrid.

-Foi un gran cambio. Era tan pequena que non me podían deixar á residencia Blume, así que me levaron a vivir cunha señora asturiana no barrio de Salamanca que era como a miña avoíña.

-Sentiríase soa.

-Adestrabamos moito, pero sentinme arroupada polos meus compañeiros do colexio. E coas miñas compañeiras do equipo nacional compartía moitas emocións. Eran como as miñas irmás.

-E chegou 1984, ano olímpico.

-Si. Pedíronnos que deixásemos de estudar para adestrar máis intensamente. Pero bo, nunca tiven moitos problemas cos estudos.

-Cantas veces viu os seus exercicios de Los Ángeles?

-Pois creo que menos que outras persoas. Eu atopeime cos meus exercicios en Facebook ou en Youtube, por exemplo, porque alguén os subiu. Fai un par de meses vin o meu exercicio de pelota que non sabía nin que estaba gravado. E encantoume volver velo.

-Seguro que soñou moitas veces con eles.

-A mente humana ten unha bondade brutal. Cando observo eses exercicios non me reprocho nada a min mesma, rememóroos con gusto e con alegría.

-Cal é o seu mellor recordo daqueles Xogos Olímpicos?

-¡Teño moitos! Paseimo xenial con Romay na cerimonia de apertura.

-Vaia parella.

-Si, tivemos que agardar tanto para entrar no estadio que nos intercambiamos as chaquetas. Pero houbo moitos momentos. Almorzamos con Carl Lewis, fomos a Disneyland...

-E logo un campionato do mundo en Valladolid .

-Estaba moi motivada. Recordo que nos concentraron en Cádiz onde adestrabamos oito ou nove horas diarias sete días á semana. Logo xa fomos a Valladolid onde estaban construíndo o pavillón. Fíxese que me acordo dos obreiros cando se comían aqueles bocadillos de xamón, de chourizo... Facíasenos a boca auga.

-Pero non chegou a participar.

-Eu percibía que os meus exercicios se montaban máis tarde e vía cousas raras. Pouco antes da inauguración do campionato, estaba a entrevistarme Matías Prats e díxome que eu só ía levar a bandeira, que estaba de suplente. Foi unha decepción inesquecible. Pero asumino. Foi un grolo máis, pero deume o impulso para facer outras cousas.

-Canadá.

-Estiven un mes invitada e, ao volver, na federación española dixéronme que non me querían. Tiña 19 anos. Así que volvín a Canadá, entrei na Universidade de Toronto e seguín competindo, aínda que fóra de concurso. Estaba moi ben alí. Invitáronme a pasar un mes e quedei alí cinco anos.

-Por que volveu?

-Ofrecéronme un proxecto para facer en Galicia un centro de alto rendemento para ximnastas. Era como volver a casa e aceptei. O proxecto empezou ben, pero pronto quedou sen fondos. Cando ía volver a Canadá ofrecéronme dar clase no Inef da Coruña e namoreime da cidade.

-A ximnasia é unha disciplina esixente que forma carácter. É agora unha profesora esixente?

-Eu non fago as cousas para pasar o intre. Se dirixo unha tese por exemplo, dígolle á persoa que eu adestro para gañar; quero unha matrícula mellor que un sobresaliente. Non me gusta facer as cousas a medias. A autoexigencia é unha virtude.

-Vostede ten dúas fillas deportistas, que consello dálles?

-Que fagan o que lles guste. Deben atopar a paixón no seu.

-Celta ou Deportivo?

-Identifícome cos dous. Oxalá estean os dous no máis alto.

-Defínase en catro palabras.

-Apaixonada, son bastante perfeccionista, emotiva e boa persoa. A estas alturas da vida pódoo dicir.

-Que tal cociña?

-O básico. Afortunadamente a miña parella é mellor que os de Masterchef.

-Con que se divirte?

-Ler, gústame escoitar música, o esquí... Estou a botalo moito en falta. E no verán gústame moito a praia.

-Que prefire pedir perdón ou pedir permiso?

-Eu prefiro pedir permiso para non ter que pedir perdón.

-Viaxou e viaxa moito onde atopou o seu lugar máxico?

-Ás veces hai unha sensación cando vas a túa soa no avión, no medio do espazo, aí como suspendida... Pero o meu lugar no mundo agora é A Coruña.

-Dígame unha canción.

-The fisherman blues, dos Waterboys.

-Que é o máis importante na vida?

-Amar.