O reto e a incerteza do Crat

DEPORTES

EDUARDO PEREZ

O equipo coruñés, campión da última liga feminina de rugbi anterior á pandemia, abriu o curso con vitoria e volve o 10 de xaneiro a un torneo «difícil»

05 ene 2021 . Actualizado ás 18:36 h.

Nove meses de parón. De incerteza. De todo por facer. O Crat, campión da liga feminina o último curso previo á pandemia, no 2019, reiniciou a súa andaina na máxima categoría o pasado 13 decembros ante o Sanse. Unha vitoria case milagrosa ante o pouco tempo e as dificultades que se atopou durante a pretemporada. A tardanza no establecemento dun protocolo sanitario complicou moito a planificación. «Primeiro con máscara, logo con test... Foi un pouco caos en canto á coordinación entre a Federación Española e o Consello Superior de Deportes. Vímonos un pouco desamparados. Tivemos que tirar pola nosa conta, inventándonos ás veces nós as formas de entrar nas instalacións. Foi bastante caótico», explica Elena Roca, unha das adestradoras do equipo coruñés.

Unha rodaxe complicada

Esta falta de claridade provocou que ata mes e medio antes do comezo da liga, o persoal do Crat non puidese comezar a adestrar con contacto nunha modalidade deportiva na que resulta indispensable. «Hai moitas cousas que aínda están oxidadas. Temos que pórnos a funcionar. Sempre é duro para nós porque ao final somos un equipo na esquinita de España e para facer as pretemporadas fáisenos difícil atopar rivais para amigables. Iso este ano multiplicouse por mil», recoñece o adestrador, Jos Portos.

Aínda así lograron gañar o partido do debut, ao que chegaron «moi justitas», matiza Elena Roca. Ás dificultades propias da pandemia que existe, únese a dun persoal que sufriu unha gran renovación. Doce xogadoras chegaron á disciplina do equipo coruñés para sentar as bases dun proxecto a longo prazo. «As fichaxes sempre son un esforzo importante para o club, pero non tanto a nivel económico», puntualiza o presidente, Pedro López-Sors. E é que a característica principal en todas as incorporacións é a mocidade. «Todas teñen entre 18 e 21 anos, pero o esforzo foi a nivel de infraestruturas. A todas lles ofrecemos aloxamentos, estudos, bolsas... unha serie de cousas que van máis aló do tema económico», aclara o dirixente do club.

Coa vista posta no futuro, Jos Portos admite o «reto» que teñen por diante como adestradores: lograr sentar as bases sen deixar de gañar partidos. «Aínda queda un mundo para demostrar todo o talento que teñen», di Portos sobre as recentemente chegadas. E mantén que «se conseguimos facer ese sentimento de grupo, van crecer e van ser mellores porque xa o son agora».

Regreso á competición

Este domingo, 10 de xaneiro, retoman a competición. Viaxarán a Madrid e «a ver en que situación epidemiolóxica están», di Elena. E é que o medo, á vez que irracional, é incontrolable. E é algo que as integrantes do Crat levan traballando desde que regresaron aos adestramentos. «A primeira reunión que tivemos coas xogadoras non foi de obxectivos, foi de vida. Falamos dos protocolos, da seguridade nas viaxes... Queriamos que as xogadores se sentisen apoiadas polo club. Fixemos e seguiremos facendo moito labor psicolóxica», relata a adestradora.

Un grupo cheo de ganas e ilusión que loitará por estar na pelexa polo título de liga outra vez. «Nós marcámonos obxectivos por melloras, por iso non temos tanta presión. A presión xa lles vén dada da competición, pero nós expomos mellora por tempada», conclúe Roca.

Sen axudas para test nunha competición recortada

Desde fai un par anos a Liga Iberdrola disputábase nun formato de dúas voltas e un play-off de semifinais e final polo título. A pandemia obrigou a modificar o sistema de competición. Esta tempada realizarase unha primeira volta e, na vez finalizada, a clasificación partirase en dúas metades. Os catro primeiros disputarán unha liguiña polo título nacional, tamén con semifinal e final, e os outros catro equipos pelexarán por non descender.

Un sistema que non convence demasiado no club coruñés. «A xustiza estaría na dobre volta, pero contra iso non podemos pelexar. Tivéronse que deixar datas libres por se hai algún encontro aprazado», afirma Jos Portos. Ademais, o calendario tampouco tivo moita piedade co Crat, porque lle outorgou máis partidos fóra de casa que en Elviña. «Será complicado, con moi pouca marxe de erro». Majadahonda e as Cocodrilas de Sevilla son os equipos máis potentes da categoría e os rivais a bater. As sevillanas son as vixentes campioas e as madrileñas dispoñen dun persoal de moita calidade. O recentemente ascendido Eibar compuxo un grupo cheo de internacionais que, a falta de ensamblaxe, podería dar moita guerra na competición.

Tanto os adestradores como o presidente do Crat admiten que eran partidarios de non comezar a tempada. «Isto é unha liga amateur. Cada xogadora ten o seu traballo, a súa familia... Dada a situación provocada polo virus, elas exponse ao risco de non poder ir traballar, de contaxiarse. Xogando nunha liga nacional viaxamos por toda España. E é real que contagios vai habelos», aclara López Sors.

Dous son os protocolos sobre os que se rexe o día a día do club. Por unha banda, o que marca a Secretaría Xeral para o Deporte e que lles esixe pasar test serológicos cada 14 días para poder adestrar con contacto e sen máscara. E por outro, o establecido pola Federación Española de Rugbi, que lles obriga a outro test nas 72 horas previas ao partido. Unhas probas cuxo custo económico asume o club sen axudas por parte de ningunha institución. «É moi difícil para os clubs non profesionais afrontar este custo. Estamos testando a 35 mozas cada 14 días. Isto supón ao redor de 600 euros cada vez que temos que facelos. E, aínda que non perdemos patrocinadores, é difícil», afirma o presidente.