Que se acabe o 2020

KOKE RAMA

DEPORTES

Pascu Mendez

27 dic 2020 . Actualizado ás 16:34 h.

Esta vez a cancha de Murcia non foi o talismán que outras veces nos deu vitorias moi importantes. Só perderon dous partidos na súa cancha no que levamos de tempada. Curiosamente cos dous equipos canarios.

A baixa de Pozas supuña a priori un hándicap na dirección de xogo. Talvez si que se puido notar en certos momentos do partido. A primeira parte do encontro transcorreu coa intensidade defensiva que ten como selo o conxunto murciano esta tempada, que lle fai estar na pelexa por un posto para a Copa do Rey , e a mal porcentaxe de tiro de tres do Obra e o seu cociente de perdas e recuperacións.

Aínda así, o equipo compostelán chegou vivo ao descanso, con 8 puntos abaixo, con Robertson desaparecido en ataque e a sensación de que se podía facer moito mellor.

A posta en escena do terceiro acto foi esperanzadora. En apenas catro minutos logramos pórnos só un abaixo, coincidindo co primeiro triplo do canadense. Foi unha miraxe. Outro parcial do Murcia en apenas tres minutos de xogo volveu deixarnos con 9 puntos abaixo.

No último cuarto, o Murcia volveu defender coa intensidade que acostuma, aumentando o nivel de contactos. Moncho Fernández percibiu esta situación e advertiu o diferente trato á hora de pitar certas situacións moi parecidas. A reclamación custoulle unha técnica.

A partir de aí, o Obra xogou dous minutos que lle volven meter en partido tras unha antideportiva a Cohen con canastra adicional. E é entón cando a delgada liña vermella de meterse no partido quedou desactivada tras unha falta no triplo que non lle pitaron a Beliauskas. Na seguinte xogada, DiLeo meteu un 3+1 que finiquitó o encontro.

A pobre porcentaxe desde a liña de tres puntos no segundo equipo da liga nesta apartado, como é o Obra, unido a outros factores fixeron sumar unha nova derrota. Agora non volvemos xogar ata o 3 de xaneiro. Toca tranquilidade e bos adestramentos para poder gañarlle ao Estudantes en Sar e sumar a sétima vitoria.

Sen máis, desexar felices festas a todo o obradoirismo. Moita saúde para todos.