O expresidente do Deportivo Tino Fernández incorpórase ao consello de administración do Racing de Ferrol

Jose Valencia FERROL

DEPORTES

MARCOS MÍGUEZ

O empresario coruñés cubrirá a vacante de Borja Silveira Rey como vogal

20 oct 2020 . Actualizado ás 22:15 h.

Tino Fernández incorpórase ao consello de administración do Racing de Ferrol SAD, onde relevará no cargo de vogal a Borja Silveira Rey , un dos fillos de Isidro Silveira Cameselle, falecido no 2016, que presidiu o club ferrolán durante máis de vinte anos. O empresario coruñés, fundador da consultora Altia e que hai apenas un ano e medio presentou a súa dimisión como presidente do Deportivo, entra a formar parte do consello a proposta do presidente, José María Criado Labajo. Tino Fernández é amigo persoal doutro empresario coruñés, Ignacio Rivera, que lidera o Grupo Elite que é o propietario do Racing con máis do 70% do accionariado da entidade.

O BORME de hoxe martes, 20 de outubro, publicaba este nomeamento no consello de administración do Racing de Ferrol, que non ten prevista unha xunta de accionistas ata o próximo mes de decembro, no que deberá ser ratificada esta decisión.

O Consello Superior de Deportes impide que un mesmo grupo ou persoa conte con grandes paquetes de accións de máis dun club, aínda que non impide ter accións en diferentes entidades. Tino Fernández tamén en propietario de accións do Deportivo, aínda que parece que nunha contía agora pequena, do mesmo xeito que do Racing, o que non vulneraría a lei.