Os trescentos de Moncho e Cía.

DEPORTES

XOAN A. ADOITAR

28 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os composteláns Moncho Fernández, Víctor Pérez e Gonzalo Rodríguez levan trescentos partidos á fronte do Obradoiro na ACB e puidérono celebrar do mellor xeito, cunha vitoria fronte ao Betis. Esta é a décima tempada dos tres na Liga Endesa, á que cabe sumar unha máis na LEB Ouro, a da súa estrea no banco de Sar. E se xa é difícil atopar un técnico con tantas campañas seguidas no mesmo club, máis o é velo acompañado en todo momento dos mesmos axudantes. E probablemente non haxa precedentes se a iso se lle engade que os tres naceron moi preto do Multiusos de Sar, onde o equipo xoga os seus partidos como local.

A primeira tempada cumpriron co obxectivo do ascenso e, a partir de entón, co que en Santiago se deu en chamar o título da permanencia. Non é doado.

É a década dourada dunha entidade que está a piques de cumprir cincuenta anos. Neste tempo, os dirixentes non xogaron a ser adestradores. Preocúpanse da súa parcela, de cadrar os orzamentos. E acertaron na elección da dirección deportiva. Primeiro con Chete Pazo, reclutador da tripleta compostelá. Sentou as bases e armou os equipos do ascenso e a primeira permanencia. Despois chegou José Luis Mateo, gran coñecedor do mercado de baixo custo, que enseguida entendeu a filosofía do club.

Moncho Fernández, Gonzalo Rodríguez e Víctor Pérez manteñen a ilusión do primeiro día, sen traizoar o seu catecismo. O primeiro mandamento: se non melloras, empeoras. O segundo, non perder tempo naquelas cuestións que non se poden controlar. O terceiro, interesan as solucións, non as escusas. O cuarto, cada proxecto é unha oportunidade. Se se desgastan, disimúlano ben.