José Luis Mateo: «Estamos en fase de avaliar danos e trazar un plan de viabilidade»

DEPORTES

Sandra Alonso

Acostumado sortear dificultades, o club enfróntase a un novo desafío a piques de cumprir 50 anos

30 abr 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

José Luis Mateo é tan precavido que non só non vende a pel do oso antes de cazalo senón que agarda a desollarlo. Non é proclive a adiantar acontecementos, nin sequera cando o vento sopra de cola. Moito menos no actual contexto, no que o embates chegan polos catro costados e o futuro perfílase incerto. Pero as súas reflexións debuxan unha fotografía bastante precisa da situación que afronta o club.

—Cando se parou a competición quedaban por atender preto de 900.000 euros no capítulo de gastos. É correcto?

— Non chega a esa cifra, pero achégase, polo que o golpe económico é importante, como imaxino que será para moitas das empresas nas que traballa xente que nos está lendo agora mesmo.

—Como está agora esa fronte, coas medidas correctoras que están a intentar aplicar? Entendo que a principal é o ERTE, entre varias.

—O certo é que nin sequera esta pandemia cambiou un dos eixos nucleares deste consello de administración desde a súa chegada: que haxa baloncesto en Santiago de Compostela o maior tempo posible, cun proxecto serio e do que os seus afeccionados poidan sentirse orgullosos. Todo o que se está facendo vai enfocado a esa misión.

—Dito doutro xeito, que parte do orzamento falta por asegurar?

—Aínda que teña acabado a competición para nós, esa pregunta é un pouco prematura a finais de abril, pois o noso exercicio remata o 30 de xuño e aínda hai pendentes reunións importantes. Pero si, non vai ser un bo ano economicamente falando. Que sexa malo ou terrible vai depender da implicación que atopemos nas devanditas citas.

—Entendo que o próximo consello de administración será clave para ir sentando as bases do novo proxecto.

—Si, cando finalice o estado de alarma teremos esa reunión, na que xa se está traballando. Estamos en fase de avaliar danos e trazar un plan de viabilidade. O certo é que os conselleiros cos que falo máis a miúdo, empezando polo presidente, transmítenme implicación e optimismo. O outro día dicíallo a Moncho: son eles os que me están animando a min…

—Recordo haberlle oído, noutros contextos, que deprimirse non é unha opción.

—Traballamos nun sector no que o estado de ánimo resulta fundamental para conseguir obxectivos. Hai un conselleiro que di unha frase que me gusta moito, que hai que saír chorado de casa. E o certo é que nesta situación, cando ves o horizonte e o que pinta, é verdade que deprimirse non leva a ningunha. Outra cousa que me fai ser optimista é que estamos nunha gran competición, na que levamos dez anos. Creo que a ACB ten máis ferramentas para poder saír adiante. E así se está vendo.

—Que vostede me fale de choros...

—Eu choro moito, non? Pero é porque estamos en casa.