Iago López Marra: «A prata mundial é un alivio, sacámonos unha espiña cravada»

Iván Antelo REDACCIÓN

DEPORTES

Sailing Energy

«A medalla permítenos darnos conta de que podemos estar entre os mellores», recoñece

18 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Non son días doados de xestionar en Geelong. O Mundial de 49er rematou, pero Iago López Marra (Porto do Son, 1990) aproveita ata o último segundo da súa estancia en Australia para proseguir coa súa preparación de cara ao gran obxectivo, os Xogos Olímpicos de Tokio deste verán. Esgotado, pero feliz coa prata no pescozo, explica a La Voz de Galicia o moito que supón esta medalla mundial tanto para el como para o seu compañeiro, Diego Botín, despois de quedar co mel nos beizos en varias ocasións neste campionato que parecía resistir.

-Que supón esta medalla de prata para vostedes?

-Gañaramos dous Europeos, pero nunca lograramos facer podio nun Campionato do Mundo. Así que ser segundos, neste momento, conseguir esta prata... ¡É o leite! Esta medalla permítenos darnos conta de que podemos estar aí, loitando cos mellores do mundo, e sobre todo será unha motivación para seguir apertando, porque queda pouco para os Xogos Olímpicos e aínda hai que afinar pequenos e medianos detalles.

-Primeira medalla mundial despois de dous títulos europeos. Sacáronse unha espiña?

-Pois si, sacámonola/sacámosnola. Levabamos varios intentos sen que saíse ben e foi un alivio poder lograr a medalla. Así que estamos moi contentos por iso.

-Como foi o proceso? En que melloraron para poder lograla?

-O noso adestrador, Pepe [Lis] fixo un traballo enorme en materia de comunicación, definindo os labores e os roles de cada un dentro do barco. Saber as responsabilidades, ver como nos falamos, que dicir en cada momento... Iso axuda moitísimo no rendemento dun barco ao final do día. Permite sacar o máximo de cada un e conseguir un mellor resultado final. E aí é onde máis evolucionamos estes últimos anos.

-Nova Zelandia é imbatible?

-Home... Non se se a palabra é imbatible... Pero o que si é verdade é que son máis consistentes que o resto, comenten menos erros e, con tantos puntos en xogo como hai nestas regatas, eles son capaces de xestionalos mellor.

-Están a adestrar con Alemaña. Como xurdiu esa alianza?

-Si, estamos con eles. Fixen moi boa amizade con Erik Heil, que foi bronce en Río e neste Mundial tamén foi terceiro, porque navegamos xuntos en GC32 [catamaráns voadores]. E aí xurdiu a idea. «¡Oe! Por que non adestramos xuntos 49er?», dixémonos. Así foi. E estase demostrando como un acerto porque, á parte de que somos moi amigos, son superbuenos na auga e en terra e a unión está a funcionar moi ben ata agora.

-Cal é o plan ata Tokio?

-Agora tomarémonos uns días de descanso, para logo ir a Palma de Mallorca a adestrar cos alemáns e preparar o Princesa Sofía. Palma é un lugar ideal porque é moi parecido ao campo de regatas que nos atoparemos en Tokio, no sentido de que os ventos de fóra e de terra que hai son moi parecidos aos do Xapón. É un sitio realmente bo e de feito estamos a pensar se quedarnos alí despois da regata, xunto aos alemáns, porque as condicións son moi parecidas ás que nos atoparemos nos Xogos.

«Estamos no grupo de seis ou sete barcos que pelexarán por medalla en Tokio»

-Que diferenzas ve coa preparación para Río?

-Este ciclo é totalmente diferente. Agora estamos máis preparados para afrontar este evento [os Xogos de Tokio], que é tan especial porque só van 18 barcos. Hai que enfrontalo doutro xeito, como foi por exemplo este Mundial no que a flota é [catro veces] máis grande. Tamén hai moita máis presión, porque só se celebra unha vez cada catro anos. Cando estabamos en Río nin nos criamos que estabamos alí. Así que nese aspecto creemos que agora o temos moito mellor. Ou iso agardemos.

-ven entre os favoritos a medalla para os Xogos?

-A min... Iso... Buf... A min iso non me gusta moito falalo. Si que é verdade que estamos a moi bo nivel, pero hai seis ou sete tripulacións a nivel mundial entre as que calquera pode sacar a medalla. Quitando aos neozelandeses, o resto estamos en condicións similares para pelexala. Estamos dentro delas, pero calquera cousa pode pasar

-E despois de Tokio? Seguirá o seu proxecto de 49er?

-Agora mesmo non pensamos máis aló que en preparar o evento de xullo. Iso é no que temos que estar centrados. Logo xa se verá.