O Liceo abusa do Lloret no brillante debut de Nanu Castro

Iván Antelo A Coruña

DEPORTES

EDUARDO PEREZ

Endosoulle dez goles a un rival que acabou desmoralizado e que mesmo viu como lle marcaba o mozo arxentino de 18 anos

18 feb 2020 . Actualizado ás 22:49 h.

O Deportivo Liceo reencontrouse coa vitoria na OK Liga , despois da dolorosa derrota no Palau fronte ao Barcelona (9-3) e de cumprir o pasado sábado fronte ao Forte dei Marmi (2-1), logrando a clasificación para os cuartos de final da Liga Europea. Cunha boa entrada a pesar do día (martes e competindo en horario coa Champions de fútbol), máis de 1.500 espectadores gozaron do triunfo do equipo de Juan Copa, que apenas deu opcións ao Lloret (10-1). Está a só un punto de asegurar de forma matemática a segunda praza na liga regular, a pesar de que aínda faltan 5 partidos.

Non ían transcorridos nin 200 segundos cando os verdibrancos xa vencían por 2-0, en dúas accións moi similares. Dous pases interiores desde detrás da portería, convertidos por Marc Grau e Facu Bridge. O Lloret respondeu rápido cun tanto de Adriá Farré, ao aproveitar un rexeite de Marc Grau a Moi Aguirre, pero Dava Torres anotaría o terceiro de xogada individual no 7, devolvendo a renda de dous goles.

O Liceo afogou cunha asfixiante presión alta a un rival que acudiu a Riazor moi minguado de efectivos (só 8 inscritos na acta, dos que 2 eran porteiros). Os locais, pola súa banda, só tiñan a baixa de Maxi Oruste e aproveitaron o seu maior arsenal para sentenciar. Franco Platero atopou a escuadra nun lanzamento de penalti para pór o 4-1 antes do descanso.

Se o partido non acabou en goleada de maior escándalo foi porque o veterano Ferrán Serra (41 anos) deu un recital de paradas, como a tripla protagonizada tras un penalti marrado por Dava Torres. O coruñés sacaríase a espiña na segunda metade, ao culminar primeiro una contra con maxistral definición (33) e, pouco despois, unha falta directa (36).

Ciocale e Bridge fabricaron unha obra de arte para asinar o 7-1, momento no que Juan Copa optou por facer debutar a Nanu Castro, unha nova promesa arxentina de tan só 18 anos que está a xogar no filial de OK Prata. Marcou nada máis saltar á pista e deixou moi bos detalles. O Lloret acabou suplicando polo final. Completamente desmoralizado, asistiu atónico como lle foron caendo os goles na recta final. Marc Grau aproveitouno para afianzar o seu pichichi.

O triunfo permite ao Liceo recortar ata os 3 puntos a súa distancia co Barcelona, que esta noite (21 horas) ten que xogar co Palafrugell.

Ficha do partido

Liceo: Marc Grau, Franco Platero , Facu Bridge, Dava Torres e Carles Grau -quinteto inicial-. Bruno Dei Benedetto, Fabri Ciocale, Roberto Dei Benedetto e Nanu Castro.

 Lloret: Serra, Marc Gómez, Adriá Farré, Álex Grau e Moi Aguirre -quinteto inicial-. Xavi Pérez e Lluis Grau.

Goles: 1-0, min 3: Marc Grau; 2-0, min 4: Bridge; 2-1, min 6: Farré; 3-1, min 7: Torres; 4-1, min 20: Platero , de penalti; 5-1, min 33: Torres; 6-1, min 36: Torres, de falta directa; 7-1, min 42: Bridge; 8-1, min 43: Castro; 9-1, min 45: Marc Grau, de falta directa; 10-1, min 47: Marc Grau.

Árbitros: Cantos Bonales e López Quinteiro. Mostráronlle dous azuis a Moi Aguirre (minutos 24 e 36).