O Guardés, un campión de liga en perigo

La Voz

DEPORTES

Óscar Vázquez

A xunta directiva do Guardés dimitiu en bloque por falta de apoios económicos e a substitución está no aire

23 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Non hai moitos campións de liga nos deportes colectivos en Galicia nin tampouco asiduos das competicións continentais ano tras ano. O Atlético Guardés da División de Honra feminina de balonmán é unha das contadas excepcións, pero con todo a súa viabilidade está en serio perigo. A directiva, que leva tempo incidindo no tema, presentou na xornada de onte a súa dimisión en bloque por entender que hai uns malos tratos económicos por parte das institucións e aínda que agora se transforma en xestora á espera de eleccións, non están dispostos a seguir a ningún prezo, o que deixa no aire ao primeiro equipo. A base, supoñen, si podería continuar.

«A xunta directiva do Guardés comunica que, de acordo cos estatutos da entidade, os seus seis integrantes presentarán no día de hoxe a dimisión en bloque (...), conformarase unha xunta xestora ata a convocatoria de próximas eleccións», rezaba un comunicado difundido pola mañá.

«Agardo que alguén do paso á fronte», di José Manuel Silva, o actual presidente, que en ningún escenario contempla unha marcha atrás: «Unha vez que liquidemos todos os gastos deixamos o club a cero e convocaremos eleccións de novo pero se non se presenta ninguén, aí queda o club», aínda que considera que a entidade non está en risco de desaparición «porque igual poden continuar as categorías inferiores» pero non o primeiro equipo, que está a loitar de novo polo título, nestas condicións.

Porque cun orzamento de 450.000 euros anuais, o Guardés recibe 64.000 euros da Xunta de Galicia, 38.000 da Deputación de Pontevedra e 25.000 do Concello. Con estas dúas últimas entidades non están nada de acordo e hai tempo que veñen aireando a súa desconformidade. «A Xunta dinos que hai uns baremos e que somos o segundo equipo que máis cobra, e entón témonos que calar. Na Deputación preguntei porqué a clubs como ao Pontevedra lle dan 160.000 e a nós isto e non me responden cando considero que hai unha inxustiza importante, e na Guarda ao club de fútbol de Primeira Rexional danlle 21.000 e a nós 25, creemos que é outra inxustiza. Nós non queremos enfrontarnos con ninguén pero correspóndenos bastante máis».

Neste escenario e despois de anos de esforzo económico e persoal, José Manuel Silva considera que «hai algo detrás que se me pasa polo que as institucións non queren axudar ao club. Creo que son a ovella negra pero xa lles dixen que me vou», deixando claro que nunca reconsiderará a súa postura pero si está disposto a axudar se llo piden e se a entidade segue coa mesma aposta que na actualidade.

A decisión en pleno mes de xaneiro ten unha explicación clara. Os clubs xa se están movendo de cara á próxima tempada «e se as xogadoras ven que non hai continuidade teñen moitos reclamos doutros equipos». Desde que a posibilidade de que o Guardés perda ao seu primeiro equipo asomou no horizonte, a principios de curso, unha das teorías era que había dúas localidades galegas interesadas en facerse coa praza, pero no balonmán español xa non se poden vender as franquías.