O Breogán aprende a lección e tumba sen abafos ao TAU

DEPORTES

ALBERTO LÓPEZ

Victoria por 87-69 dun equipo celeste intenso, compacto e entregado

23 ene 2020 . Actualizado ás 20:12 h.

Parece máis equipo o TAU Castelló que o Almansa. Con todo, foise do Pazo masticando unha inapelable derrota e coa sensación de non ter podido facer máis. A explicación é simple. O cadro castellonenco atopouse cun Leite Río Breogán coa lección ben aprendida, moito máis compacto, intenso e comprometido que hai unha semana no desastre cos manchegos. O equipo lucense lavou a súa imaxe e viviu unha doce reconciliación co seu público, sempre á altura e que nin sequera deixou de animar co encontro visto para sentenza.

Só na primeira manga tivo problemas o exército celeste para pór en práctica o seu plan, sostido nunha defensa de ferro. O TAU facía dano na pintura e en varios momentos do arranque do partido tivo a iniciativa no marcador e no xogo, pero a escapada do Breo no tramo final permitiulle pechar o primeiro período con cinco puntos arriba (20-15). Xa nunca máis volvería estar por diante a escuadra visitante.

A explosión do Breo comezou no segundo período a partir do 23-23 que reflectía o luminoso no minuto 14. Un par de triplos de Ahonen e Soluade e o brillante Powell —o mellor do partido— dispararon definitivamente ao equipo de casa, que unha vez superada a barreira dos 10 puntos de marxe xa non volverían sufrir abafos no electrónico.

O terceiro cuarto discorreu no medio dun recital de triplos. Víronse tres xa no primeiro minuto de xogo. Powell abriu a serea do Breo, á que se sumaron Sergi Quintela, Soluade e, por dúas veces, Ahonen. O TAU asinou tres que non lle serviron máis que para pór a salvo o seu orgullo e impedir que a desvantaxe fose vergoñosa. Os anfitrións xa tiñan case  todo o traballo feito ao termo do terceiro cuarto, cando o marcador era de 70-52.

Xa no acto final, tras a canastra inicial de Gavrilovic, Diego Epifanio tivo que deter o partido e volver a enchufar aos seus homes logo un parcial de 0-8 do TAU grazas a dous triplos de Rosa e unha canastra de dúas. Soluade respondeu de inmediato con outro lanzamento desde máis aló de 6,75. Para entón o Pazo xa era unha festa. A inchada e os xogadores pasábanllo en grande véndose en poder dunha vitoria que era ineludible. Despois da decepción sufrida ante o Afanion Almansa, o Breo tiña a obrigación moral de completar un partido convincente ante o TAU e, sobre todo, gañar.

Próxima xornada

A próxima xornada tamén será propicia para os intereses do equipo celeste, posto que lle toca visitar a cancha do Liberbank Oviedo, afogado na zona baixa da clasificación e que busca a permanencia. As 100 entradas das que dispón o Breo xa se esgotaron.

Consulta aquí as estatísticas do partido