Iago López practicamente asegura a clasificación olímpica para España en 49er

Iván Antelo REDACCIÓN

DEPORTES

Sailing Energy

A viguesa Patri Suárez xogaralla na última xornada deste domingo, cun conciso colchón de 5 puntos

07 dic 2019 . Actualizado ás 08:57 h.

O cántabro Diego Botín e o galego Iago López Marra teñen na súa man clasificar a España para os Xogos Olímpicos. Só unha catástrofe pódelles apartar xa de Tokio, posto que a falta do último día na baía de Auckland, avantaxan en 38 puntos aos seus adversarios da clase 49er. Quen o terá que pelexar moito, aínda, é a viguesa Patri Suárez, que segue vendo como mingua a súa renda e xogaralla este domingo en 49erFX, na que restan dúas regatas das series finais (50 puntos en xogo que abondarán para determinar as clasificadas) e a medal race coas dez mellores da xeral.

En 49er, tras 15 regatas, e a falta de dúas para a medal race deste domingo, o sonense Iago López mantense na loita pola medallas e ten a clasificación olímpica para España practicamente asegurada, a pesar de que a quinta xornada do Campionato do Mundo de Nova Zelandia non foi especialmente benévola con eles. Botín e López Marra comezaron de forma excelente, terceiros, pero logo retrocederon nas súas aspiracións cun décimo oitavo e un undécimo que os deixa cuartos, a seis puntos do bronce que nestes momentos levarían os británicos Fletcher-Scott e Bithell, pero xa coa prata e o ouro moito máis alejadps (Alemaña está a 30 puntos e Nova Zelanta a 42).

O que parece xa un feito é que España estará en Tokio na clase 49er, posto que son os mellores na loita polos catro billetes que reparte este Mundial, entre os países que aínda non estaban clasificados. E é que xa manexan unha vantaxe de 38 punos coa primeira selección que quedaría fóra, que é a de Australia (duodécima da xeral), con tan só a posibilidade de recortar 48 nas series finais.

Máis axustada está a cousa na categoría feminina, en 49er FX, onde a viguesa Patri Suárez e a madrileña Nicole Van der Velden marchan duodécimas da xeral, coas medallas case imposibles (a 38 puntos), a medal race a tiro (a 8), pero, cun total de 130 puntos netos, en zona de clasificación olímpica xunto a Alemaña (100), Arxentina (102), Estados Unidos (117), Polonia (122) e Singapur (132). Iso si, cunha concisa renda sobre Francia (135), que vén remontando, e Finlandia (142).

Na quinta xornada, Suárez e Van der Velden asinaron un décimo terceiro, un undécimo e un décimo sexto. Pero séguense demostrando como a única opción española de clasificación, posto que o outro barco nacional, o das irmás Munté, son vigesimocuartas na xeral, moi lonxe da batalla.

Periga a última xornada

O peche do campionato contempla a celebración de dúas probas máis nas series finais e a Medal Race para cada unha das clases, un programa que se ve ameazado polos partes meteorolóxicos tal e como nos informa Riccardo Ravagnan, meteorólogo da Real Federación Español de Vela.

A fronte fría continúa movéndose en dirección NE e afecta agresivamente a área de Auckland. Así, mañá agárdase unha nebulosidade difusa e densa, con choivas xeneralizadas e tormentas e o Servizo Meteorolóxico de Nova Zelandia informa dúas alertas: tormentas severas e ventos de 25 a 35 nós.

Ante isto, a opinión de Ravagnan deixa as posibilidades da última xornada no aire: “Creo que durante a mañá pode haber condicións para navegar, pero na tarde non creo que haxa esperanzas. A experiencia do primeiro día faime pensar que o comité agardará o paso da tormenta. Se fose así, nin sequera navegarían pola mañá. Desafortunadamente, mañá é un día difícil de prognosticar tanto polas condicións climáticas como pola seguridade do comité”.