O Celta busca encadear dous triunfos nun novo derbi

La Voz VIGO

DEPORTES

cedida

As de Cristina Cantero mídense hoxe (13.00 horas) ao Cortegada

06 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras romper a semana pasada coa vitoria ante o Canoe a peor serie dos últimos anos (tres derrotas seguidas), o Celta de baloncesto busca dar continuidade a este resultado e recuperar unha dinámica positiva. Aproveitando o festivo, faino hoxe (Navia, 13.00 horas) e co Cortegada en fronte nun novo derbi autonómico galego de Liga feminina 2.

As de Cristina Cantero, oitavas cun balance de cinco vitorias e tres derrotas, reciben a un Cortegada que marcha duodécimo con dous triunfos e sete encontros perdidos ata a data. O equipo é consciente que queda moita tempada por diante, pero a falta de costume a sufrir derrotas condicionou o ánimo do colectivo, que soubo levantarse para dar un golpe de autoridade na pista do Peixe Voador para retomar a senda dos triunfos.

A vitoria da pasada xornada veu acompañada da plena recuperación de Elo Edeferioka tras o susto da xornada anterior. Botando unha ollada ao futuro ata o final da primeira volta, a dobre saída repleta de complicacións a Madrid (Alcobendas e Leganés) vese aderezada con partidos a priori máis alcanzables ante os tres últimos clasificados (Cortegada, ADBA e Pozuelo), polo que o reto de mellorar a oitava posición actual e rematar a primeira volta coas opcións intactas está no horizonte.

Pero o feito de que Cortegada estea clasificado nos postos de abaixo non exime de risco ao partido. De feito, as celestes xa sufriron unha das súas derrotas ante o último clasificado.