A xesta de Eliud Kipchoge, primeiro atleta que baixa das dúas horas nunha maratón (1h 59m 40s), estimula, unha vez máis, o debate sobre os límites físicos do home. Desde hai 250.000 anos a habilidade de camiñar e correr foi vital para a subsistencia da especie humana. Por iso correr, tan de moda como exercicio físico na actualidade, supón unha pulsión primitiva incrustada nos nosos xenes.
Investigacións científicas constatan que durante o longo percorrido da evolución, o ser humano saíu favorecido fronte a outras especies de animais xa que somos o único mamífero homínido que mellorou, á parte da cognitiva, a súa capacidade aeróbica, vital en esforzos prolongados. Ademais, as adaptacións do Homo sapiens, en relación a outros parentes máis próximos como os neandertales, permiten un deseño máis apto para correr, pero tamén maior sufrimento da muller durante o parto. A maior anchura da cadeira posibilitou que a musculatura responsable da locomoción bípeda poida aliñarse lateralmente para provocar estabilidade sobre as dúas pernas e poder manter o equilibrio sobre unha soa.
Debido a esta realidade anatómica e fisiológica o home, en xeral, ten maior capacidade para ser maratoniano que velocista, salvando a disposición xenética dalgunhas poboacións para afrontar con maior eficacia esforzos de natureza distinta.
A fazaña de Kipchoge é, ata o momento, o culmen da evolución humana para resistir un esforzo aeróbico ao correr. Pero tamén, á parte do éxito do seu propio adestramento, os froitos de avances tecnolóxicos que lle favoreceron xunto a un trazado óptimo, excelentes condicións ambientais e a inestimable axuda dos seus compañeiros de carreira. Toda unha fazaña do kenyano e unha conquista da especie humana.