Esperpento e despropósito

M.G Reigosa

DEPORTES

GONZALO FONTES | REUTERS

20 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Real Madrid é vítima da súa estraña planificación deportiva, que sorprende máis despois dunha tempada de barbecho, de ter tido tempo para pensar e deseñar o novo proxecto. E todo apunta a que foi un tempo perdido. Fichou suplentes, salvo Hazard, que está moi lonxe da súa mellor forma e, de momento, non suma. Bale, que non se foi por máis que o empurraron cara á porta de saída, e James Rodríguez, que quedou porque deu un pouco de medo unha eventual marcha ao Atlético de Madrid, están a ser do mellor do arranque de curso. Escuecen cesións como as de Reguilón e Ceballos, que poderían ter inxectado ese fame que parece botar en falta o presidente e que o veñen facendo ben no Sevilla e o Arsenal. A aposta por Courtois en lugar de Keylor Navas non dá os resultados agardados. Pero o que máis sorprende é o caso de Pogba. Zidane queríao a calquera prezo como pedra angular do novo Real Madrid, un medio centro con músculo e chegada chamado a equilibrar un equipo que pretende ser máis vertical no seu xogo. O que custa entender é que vendo que o Manchester United negábase a unha venda, non houbese un plan B. E o que é peor, traspasou a Llorente, o único perfil que podería cubrir ese oco. Foi como facer unha revolución para que nada cambie. Un esperpento, un exercicio de despropósito.