Scariolo debuxa o ouro máis táctico

Alberto Blanco

DEPORTES

KIM KYUNG-HOON | Reuters

O título era difícil de ver hai 15 días; hoxe é real tras o torneo no que o italiano e os seus axudantes deixaron unha maior pegada

15 sep 2019 . Actualizado ás 23:14 h.

A presea de máis valía caeu de forma inesperada no noso bando. Difícil de imaxinar fai quince días que España sumase o segundo ouro mundial de baloncesto. O primeiro cetro sen a presenza de Pau Gasol. Por iso é a conquista máis valiosa do noso baloncesto. A máis táctica. O paso que nos faltaba. Levan rumiando uns cantos profesores, nacionais e internacionais, que España se rematou coa marcha da xeración de ouro, léase Felipe , Pau, Navarro, Calderón e uns cantos máis. Pegáronlles na cara pero con moitas ganas. Mentres tanto España deu no cravo a base do que mellor sabe facer cada verán. Competir. Ten o noso equipo a maldita rutina de empezar perezoso, autocrearse problemas e pór en marcha o ventilador do «isto xa o dicía eu»...

Pero non. España creceu de forma superlativa a cada paso. Arxentina foi un boneco. Non tivo nin a mínima oportunidade. Cero. Desde o salto inicial. Din que as finais hai que arrincar ben e marcar o patrón. Ese 12-2 foi determinante. Xa nada foi igual. É máis, chegado o inicio do último cuarto pareceu un deixa vu do Mundial do Xapón 2006 e ata pensamos nunha malleira. Pero Arxentina parécese tanto a nós que xamais entregou a culler. A falta de dous minutos escasos, con 16 puntos abaixo, dixo basta. Pediu clemencia. Foi un pracer ver un rival tan respectuoso co xogo e inferior no 90% do xogo pero cun orgullo como ninguén.

O rebote foi abafador. A nosa fenda principal converteuse en aliado. Foi humillante a superación española nese aspecto. Preparou o partido Scariolo e o seu staff novamente de corrida. Unha verdadeira lección do italiano. De longo os seus mellores éxitos como profesional van ligados a este grupo. Eles chámanse A Familia.

Xúntanse os veráns e fannos soñar. E este 2019 paréceme irrepetible. Sei que Ricky levou ademais o MVP do torneo, pero puntualizar que o capitán do equipo, Rudy Fernández, foi maiúsculo neste torneo. Pasou de pensar en ser a estrela, a ser o mellor xogador de equipo no mellor Equipo, con maiúsculas, do Mundo. Nin máis nin menos. Marc, Claver, Pau Ribas, Willy, Juancho e Lull chapeau. Onte a sorpresa tíñana gardada para Oriola. Outra variedade táctica de Sergio Scariolo. Un Sergio e staff, de dez. Extraordinario.

E un enorme chapeau a todos os xogadores das horrorosas fiestras FIBA. A medalla tamén é deles.

Dobrete histórico do seleccionador

Óscar Bellot / Colpisa

Sergio Scariolo é xa lenda do baloncesto español. O ouro no Mundial de China , logrado o mesmo ano en que amarrou o anel de campión da NBA como asistente de Nick Nurse nos Toronto Raptors, permite ao transalpino asinar un dobrete histórico para coroar un ano de ilusión e acalar as voces que puñan en dúbida un ano atrás a conveniencia de que a Federación Española mantivese ao preparador de Brescia á fronte cando optou por cumprir o seu anhelo de probar fortuna na mellor competición do planeta. Jorge Garbajosa non tivo dúbidas. Sostívolle contra as críticas e o cetro planetario conquistado no Wukesong Sport Center de Pequín ha validado con fartura a súa aposta.

Pepu Hernández xa non está só no panteón ao que ascendeu fai trece anos en Saitama. Sergio Scariolo deu o segundo mundial da súa historia a unha selección que por primeira vez en dúas décadas tivo que afrontar un gran torneo sen o concurso dos Júniores de Ouro, esa xeración do 80 que deparou os momentos de maior gloria do baloncesto español e deixou xa nun recordo borroso a prata olímpica dos Corbalán, Llorente, Epi, Martín e compaña que ata o seu advento constituía o cénit español.