A federación española confirma o España-Acerbaixán feminino en Riazor

DEPORTES

SEFUTBOLFEM

A noticia, adiantada por La Voz de Galicia, xa é oficial

22 ago 2019 . Actualizado ás 20:50 h.

A Real Federación Española de Fútbol confirmou onte oficialmente a celebración do encontro internacional da selección española feminina contra Acerbaixán o venres 4 de outubro no estadio municipal de Riazor, correspondente á fase da clasificación para a Eurocopa do ano 2021.

«Este partido será exemplo do apoio ao deporte feminino de toda a cidade e estou segura de que os coruñeses e coruñesas responderemos enchendo o campo para animar ás xogadoras da selección», afirmaba a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey .

A cita, primeira da selección española feminina absoluta en Galicia, corresponde á estrea do combinado nacional, adestrado por Jorge Vilda, na fase de clasificación para o Campionato de Europa, que se celebrará en Inglaterra e que terá como sede da fase final o mítico estadio londiniense de Wembley.

Deste xeito, Acerbaixán será a rival coa que España inicie o seu camiño cara ao certame continental. O equipo español chegará á Coruña tras ter disputado o seu último encontro amigable de preparación, contra Francia o día 31 de agosto. Por diante, España terá que afrontar en Praga, fronte á República Checa, un choque o 8 de outubro e visitar Polonia o 12 de novembro.

Desde o concello da Coruña destácase que se trata dunha ocasión inmellorable para potenciar o deporte feminino e para darlle a maior visibilidade posible».

Ese mesma fin de semana, o Deportivo recibirá en Riazor ao Almería, co gallo da décima xornada do campionato de Segunda División masculina. Este encontro podería disputarse o domingo para contribuír á recuperación do céspede.