A flota galega inicia a pelexa pola primeira repartición de cotas en Tokio

DEPORTES

MARTINA MISER

Portela abre hoxe a actuación dos aspirantes olímpicos no Mundial

21 ago 2019 . Actualizado ás 10:59 h.

As flotas dun centenar de países congréganse desde hoxe e ata o domingo en Szeged, Hungría, para pelexar a maior porcentaxe que poidan obter na repartición de cotas olímpicas que cada catro anos se sustancia no Campionato do Mundo Absoluto de Esprint e Paracanoe. Na delegación española, dez padeeiros galegos enrolados en nove barcos con intención de sacar o correspondente permiso para acudir a pescar no caladoiro de Tokio no verán do próximo ano. Ollo, prazas para o estado, que non nominais, coa Real Federación Española de Piragüismo decidindo posteriormente, con elas na man, o criterio de selección das súas tripulacións en aúgalas nipoas.

Teresa Portela volve capitanear o buque insignia do piragüismo galego e español. No K1 200 a canguesa aspira a faenar por sexta ocasión nuns Xogos Olímpicos. Hoxe, ás 17.30 horas na quinta e última serie eliminatoria, non debería de ter problema para acabar a regata entre as cinco primeiras, e acceder así ás semifinais do venres, ás 16.18. Rematar entre as cinco primeiras da Final A de a mañá do sábado é o paso para non ter que agardar ás prazas da repesca do preolímpico do 2020.

Tamén hoxe o único paracanoísta galego en Szeged, o rianxeiro Adrián Mosquera, inicia o seu camiño en pos de senllas prazas en KL3 e VL3 200, con seis en xogo en cada modalidade.

Mañá entrarán en acción os poienses Sergio Vallejo e Adrián Sieiro, no C2 1.000 (oito prazas para Tokio), o tomiñés Roi Rodríguez, no K1 1.000 (cinco), a padeeira da E.P. Cidade de Pontevedra Antía Jácome, no C2 500 (oito); e os K4 500 do cangués Rodrigo Germade e o betanceiro Carlos Arévalo, por unha banda, e da grovense Natalia García, polo outro. Os barcos de catro tripulantes, obrigados a sacar o billete a Tokio en Szeged, sen opción de repesca en 2020, finalizando entre os dez mellores do Mundial, sempre que entre estes haxa K4 de polo menos catro continentes.

Carolina García (E.P.C. Pontevedra) será a última galega na carreira olímpica en entrar en acción, o venres, no K1 500; obrigada a acadar a Final A dominical, e acabar entre as cinco mellores.

En Szeged palean en barcos non olímpicos os tamén galegos Iago Monteagudo (K4 1.000), Camila Morison (K2 1.000), Pablo Graña (C2 200), David Barreiro (C1 500) e Ton Campos (C1 5.000).