Jorge Prado, a un paso do seu segundo Mundial de MX2 consecutivo

DEPORTES

Jorge Prado
Jorge Prado Ray Archer KTM

Volveu facer dobrete en Imola e, aínda que Olsen foi segundo, ten case asegurado o alirón para a cita do 25 de agosto

19 ago 2019 . Actualizado ás 08:17 h.

Uddevalla é o lugar. E Jorge Prado, o protagonista. O piloto galego, actual campión do mundo de MX2 certificou onte en Imola outro dobrete, que lle sitúa a un paso de revalidar o seu título e pórse na grella de saída da máxima categoría do motocrós mundial.

Aínda que no circuíto italiano, o seu máximo rival polo campionato, o danés Thomas Kjer Olsen, foi segundo nas dúas mangas nas que Jorge Prado dominou de forma incontestable, non será suficiente para frear ao galego no seu obxectivo de converterse en bicampión mundial de MX2.

De feito, se non sucede nada inesperado, o piloto lucense cantará o alirón no circuíto sueco de Uddevalla o vindeiro domingo, é dicir, a falta de dúas probas para a conclusión da tempada. Tras o resultado de Imola, Olsen está obrigado a gañar as dúas mangas de Suecia e agardar que Jorge Prado sexa undécimo ou peor. Tendo en conta que Prado leva doce dobretes no que vai de curso (gañou 26 mangas e adxudicouse catorce grandes premios), as opcións de éxito de cada un parecen claras.

Jorge Prado pode mesmo establecerse o reto de bater a marca de vitorias consecutivas establecido por Jeffrey Herlings no ano 2013 (catorce).

Esta fin de semana, o deportista galego deu outra lección de pilotaxe nun trazado extremadamente técnico , cheo de rodeiras e fochancas. A pesar diso, Prado dominou con solvencia tanto os adestramentos cronometrados como a manga clasificatoria.

Xa en carreira, na primeira manga volveu ser o primeiro en dar a primeira curva (o chamado holeshot; leva vinte este ano) e, aínda que Sanayei quíxolle plantar cara, o galego non afrouxou ata a primeira vitoria parcial. Na segunda manga, máis do mesmo. Jago Geerts adiantouse ao lucense na saída, pero na seguinte curva Jorge volveu facerse co control.

Ao termo da carreira, Prado analizaba: «Foi unha fin de semana marabillosa. Era difícil manterse a salvo nesta pista, estaba moi bacheada, con rodeiras e era un desafío rodar sobre dúas rodas, pero saíu todo perfecto e xa estamos aí, a piques de culminar esta fantástica tempada. Estou súper feliz».