Juan Muñiz márchase ao milagre grego

Dani Cabo LUGO

DEPORTES

ALBERTO LÓPEZ

O mediapunta formará parte do Volos NFC, recentemente ascendido á primeira división helena tras a súa fundación no 2017

14 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O futbolista asturiano do Lugo, Juan Muñiz, deixará o club para formar parte do Volos NFC, equipo grego que ascendeu recentemente á primeira división helena.

O Volos NFC leva interesado no mediapunta do Lugo desde que se inicio o mercado. Parece que a fichaxe está preto de producirse. No adestramento do luns, Manolo Mandiá e o propio Muñiz mantiveron unha conversación sobre o futuro do asturiano.

En Grecia, Muñiz será dirixido por Juan Ferrando, adestrador catalán que chegou ao club en 2017, ano da súa fundación. O técnico de Barcelona conseguiu dous ascensos consecutivos desde a terceira división helena, cunha base de xogadores novos que aínda mantén. O logro foi catalogado no país como unha auténtica fazaña. Casualmente, Víctor Basadre, segundo adestrador e man dereita de Ferrando, é natural de Lugo.

As negociacións cos helenos sempre foron por bo camiño, ata que chegou unha zumenta oferta desde o fútbol polaco. O xogador comezou a dubidar. Con todo, nas últimas horas, o Volos NFC puxo sobre a mesa un suculento contrato para convencer Muñiz.

O Lugo non conta co talentoso zurdo, entre outras cousas, pola súa pouca adaptación ao sistema de Eloy Jiménez. O 4-4-2 empregados non se axusta ás súas características como enganche. Na banda é un futbolista que non logrou convencer o técnico manchego e isto foi o culmen.

O asturiano ten contrato ata 2020. O club está valorando a posibilidade de negociar a rescisión do mesmo para facilitar a operación, aínda que non se descarta que o traspaso do futbolista deixe diñeiro nas arcas lucenses.

Juan Muñiz chegou a pasada campaña procedente do Gimnástic de Tarragona e nunca chegou a ser un xogador determinante no conxunto lucense para ningún dos adestradores que pasaron polo banco do Anxo Carro.

O seu rol foi secundario, intermitente e, sobre todo, de revulsivo. A pasada campaña participou en 25 partidos entre liga e copa. Anotou dous goles e deixou mostras da calidade do seu pé esquerdo a balón parado.