O fútbol galego rebélase contra a imposición de horarios de Rubiales

álex centeo

DEPORTES

Deportivo, Celta e Lugo alíñanse coa maioría dos clubs de Primeira e Segunda para evitar «un dano ao fútbol español que podería ser irreparable»

07 ago 2019 . Actualizado ás 15:36 h.

O fútbol galego está unido. A pesar da rivalidade que poida haber entre Celta , Deportivo e Lugo, os tres representantes da comunidade no balompé profesional levantaron a voz contra a imposición dos horarios de Luis Rubiales.

Sen fisuras, os tres defenden que debe ser a Liga , como organizadora da competición, a que escolla as datas e as franxas nas que se disputen os encontros, posto que hai uns contratos de televisión que respectar e estes están supeditados aos citados horarios.

Deste xeito, as entidades que presiden Carlos Mouriño, Paco Zas e Tino Saqués teñen clara a súa posición e así a defenderon na reunión mantida o pasado mércores en Madrid.

«Isto é un aliñamento total dos clubs profesionais e o Deportivo únese a esta posición, porque estes horarios que quere impor a federación abócannos a unha inseguridade xurídica e económica moi perigosa», reflexiona o máximo responsable do Deportivo.

O seu homólogo do Lugo vai máis aló: «A batalla xerada pola Real Federación Española de Fútbol ao redor da lexitimidade de xogar os luns e os venres pode desembocar nunha crise da Liga española de consecuencias impredicibles.

É un ataque frontal á liña de flotación económica das entidades de fútbol en España.

A principal fonte de ingresos dos clubs de Primeira e Segunda División son os dereitos de televisión, e estes están en serio perigo, se se incumpren as franxas horarias establecidas nos contratos subscritos pola Liga coas operadoras de TV (60 operadoras por todo o mundo)», insiste Saqués.

Zas non entende por que Rubiales deu agora marcha atrás a un pacto establecido entre Liga e Federación hai algunhas semanas: «Representantes de ambos os organismos acadaran un acordo que agora se rompeu non sei por que. Creo que a federación debería reflexionar porque o dano pode ser irreparable. Nós temos claro que debemos defender os intereses do Deportivo e eses pasan por tratar de evitar que deixen de pagarnos o diñeiro da televisión», salienta o dirixente branquiazul.

Para Saques, hai que manter a firmeza para evitar unha intromisión do órgano de Rubiales : «A Liga e os clubs asociados á mesma non poden permitir semellante intromisión nas competencias que a liga ten de pleno dereito. Este conflito podo facer cambalear os cimentos dos clubs da mellor liga do mundo».

O Celta , que o mércores tamén apoiou a postura de Javier Tebas neste conflito, non quixo pronunciarse publicamente, sen explicar os motivos da súa negativa. Con todo, está ao lado do Dépor e do Lugo na reclamación.

Os clubs galegos teñen a esperanza de que o vindeiro mércores cheguen noticias favorables desde o xulgado, onde terá lugar unha vista oral tras a que se adoptarán medidas cautelares para saber quen marcará o horario das primeiras xornadas. Se un xuíz di que a federación, avecíñase nova lea.