O campo de Miño languidece á espera de resolución xudicial

LA VOZ REDACCIÓN

DEPORTES

D. A. B.

Golf Socios e veciños agardan a sentenza despois de que o Concello alegase á solicitude de Martinsa-Fadesa de anular as cargas do campo para poder vendelo

18 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O campo de golf de Miño languidece, nun proceso de deterioración que non se detén. Mentres os problemas de mantemento e de distintos servizos no campo enquístanse, o complexo prolonga a súa situación de provisionalidade, á espera de que Martinsa-Fadesa poida vender o campo de 18 hoyos. Xa pasaron case tres anos desde que Gealbegolf, a anterior xestora en réxime de alugueiro, pediu a liquidación voluntaria. Desde entón, a propietaria ten pensado a venda do complexo, cos condicionantes que implica o confuso proceso concursal no que se atopa. Dous meses despois de que a propietaria solicitase ao xulgado do Mercantil número 1 da Coruña que se levantasen as cargas, o tema agarda pola súa resolución. O concello xa presentou as súas alegacións ao requirimento de Martinsa-Fadesa, e agora socios do campo e veciños do complexo de vivendas da urbanización agardan que a situación poida desbloquearse.

O campo de Miño devalúase por unha xestión criticada por un amplo número de socios. Desde febreiro do 2017 Manuel Basanta asumiu a concesión, pero nun estado de provisionalidade que non contribúe a que se realicen os investimentos necesarios para o óptimo coidado do complexo. Mentres o campo non saia á venda, a súa deterioración fai que se devalúe progresivamente. Ademais, trátase dun activo que dá vida a toda a urbanización que o rodea, e cuxa finalización só parece viable cun campo en bo estado que actúe como dinamizador da contorna.

O plan de Martinsa-Fadesa pasaría por intentar vender o campo antes de acudir a unha poxa. Cando se fixo coa concesión do campo hai máis de dous anos, Basanta cambiou a todo o persoal de club, onde o ambiente non é agora o máis agradable. De feito, o campo chegou a ter 450 socios no 2012, baixou a 290 en setembro do 2016, cando Gealbe encarou a súa liquidación, e hoxe apenas roza os 200. A vida do club decaeu, e dos veráns con torneos todos as fin# de semana se pasou a apenas dúas en xuño e tres en xullo. O mal estado do campo propiciou, de feito, que a Federación Galega de Golf cancelase o pasado mes de marzo o Campionato Galego masculino de terceira categoría debido a un escrito coas queixas de dous xogadores que, cando se presentaron en Miño a adestrar, advertiron á organización sobre a falta dunhas condicións mínimas para celebrarse o torneo.

A pesar de todos os problemas, a posible saída á venda do campo tería investidores interesados. De momento, trátase do único complexo de 18 hoyos ao norte da Coruña, nun enclave turístico como Miño cun potencial que aínda non se soubo explotar, segundo coinciden os expertos en comercialización de clubs de golf.

As carencias afectan a rúas, «greenes» e «tees»

A chegada do bo tempo non se traduciu nunha melloría das condicións do campo de golf de Miño. Os nove hoyos do norte do percorrido, os que antes abrían a rolda de xogo (numerados entón do 1 ao 9) e agora xóganse en último lugar (do 10 ao 18), acumulan a maioría das deficiencias, a pesar de que, aparentemente, o terreo é nesta zona máis chairo e podería facilitar o seu mantemento. O 11 (o antigo 2) reúne gran parte das carencias que afectan a outras zonas do campo. Un tee en malas condicións, unha rúa atacada polo xabaril e con diferentes calvas, un rough en desigual estado e un green lento e irregular.

Algunhas das zonas nas que o xabaril levantou a rúa hanse tratado de achandar pasando rodas de maquinaria sobre a terra, tal como pode verse na rúa 11. Pobre estado do tee da rúa 14, zonas irregulares en varios greenes pola caída de líquidos, elementos de obra que sobresaen por amais da area nun búnker do 15, rúas secas como amplas zonas do 17, desfeitas causadas polos topos... O estado do campo non anima a que cheguen xogadores doutros puntos de Galicia ou de España, como sucedía hai anos durante o verán.