Pablo Antas: «Yago Iglesias ten as ideas moi claras»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

DEPORTES

Andrea Regueiro

Gústalle actuar en calquera posición do centro do campo

17 jul 2019 . Actualizado ás 19:58 h.

Aos poucos, o Compostela vai presentando en sociedade aos seus novos xogadores, as sete caras novas coas que de momento conta o técnico Yago Iglesias , que aínda agarda a chegada dun defensa central, algo que necesita o cadro de persoal tras a marcha este verán de Piscu, Chechu Meneses e David Uña. Onte tocoulle a quenda a Pablo Antas (1990), un centrocampista que chega cunha importante traxectoria en Segunda B (seis tempadas) e en Terceira División (catro campañas). O curso pasado defendeu a camiseta do Rápido de Bouzas na categoría de prata do balompé español.

Aterra en San Lázaro coa intención «de crecer con esta camiseta», algo que pretende facer cada tempada. Asegura que é «unha boa oportunidade e ao mesmo tempo é moita responsabilidade aceptar a oferta dunha gran institución como é o Compostela».

Nos últimos anos vén xogando máis de mediocentro, pero gústalle actuar en calquera posición do centro do campo. «Farei o que me pida o adestrador», comenta o futbolista. A Pablo Antas gústalle o estilo do Compos, pero entende que hai que dar un paso máis. Sinala que será moi positivo dominar varios rexistros e manexar distintos modelos de xogo. Non lle gusta ser protagonista e considérase «un xogador de equipo».

Tamén explica que Yago Iglesias ten «as ideas moi claras» e que é feliz por poder xogar e adestrarse nun campo de herba natural. «É unha gran alegría ter este céspede», destaca o novo futbolista branquiazul na súa presentación.