A constante progresión de Burrito Boy

DEPORTES

Cary Edmondson | Reuters

15 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Marc Gasol xa ten o seu anel. En gran medida, porque nalgún momento decidiu que quería ser Marc Gasol e non só o irmán de Pau Gasol. En boa medida, porque ás veces sempre vén ben unha dose de fortuna, como a que o levou a entrar na convocatoria de Pepu Hernández para o Mundial do Xapón. A última praza estaba entre el e Hernández Sonseca. Colleu ese tren in extremis e entrou nunha vía que o levou ata o máis alto na NBA.

Calquera que teclee nun buscador o nome do pivote dos Raptors e a palabra Lausanne poderá ver o aspecto que tiña naquela época, cando Pau empezaba a súa andaina na NBA e el enrolábase no equipo do instituto de Memphis, con 16 anos. Xa vía o baloncesto con clarividencia. Na súa carrocería había un notable sobrepeso que non lle impedía destacar entre os xogadores da súa idade. Deixou pegada cos seus números e chegou a ser alcumado Burrito Boy polo seu aspecto.

Marc non pasou pola liga universitaria. Colleu galóns na ACB, recalou na NBA e nunca deixou de progresar. Ata facerse co anel. «Acórdome dunhas das primeiras veces que vin a Marc. Era cadete e estaba a correr de lado a lado da pista para pórse nunha boa condición física. Karnisovas e eu estabamos na pista e viamos que tiña unha forma de correr moi pouco ortodoxa. A súa forma atlética non era boa. Máis adiante, evolucionou, púxose ben fisicamente e converteuse nun jugadorazo». Son palabras de Aíto García Reneses. Marc Gasol sempre foi intelixente e soubo acompañar as neuronas cos músculos.