O porteiro de orixe escocesa e criado en Abegondo repasa o seu ano en Murcia tras deixar A Malata
03 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.De orixe escocesa, de berce galego e agora en Murcia. Podería ser o inicio dun chiste, pero é a historia de Ian Mackay, un porteiro trotamundos saído da canteira do Deportivo e que pasou por Ceuta, Oviedo, Vecindario , Santiago de Compostela, Ponferrada, Sabadell, Palma, Boiro e Ferrol. Cun ascenso a Segunda con el de protagonista no seu haber e algunha espiña cravada, o pasado verán cruzou España de punta a punta.
-Primeira tempada en Murcia, o conxunto con máis participacións en Segunda e o equipo que máis veces a gañou.
-É un club que ten moita historia e afección. Son case 11.000 socios, que en Segunda B é unha barbaridade. Máis que moitos equipos de Segunda e mesmo máis que algún de Primeira.
-Pero o estadio é tan grande que parece menos xente...
-Na mellor entrada deste ano foron 19.000 no derbi ante o Cartaxena. Aí o estadio vese ben. A peor entrada foron cinco mil e pico e parecía que estaba baleiro. Outros estadios de Segunda B con esa entrada estarían llenísimos.
-Como lle foi o ano?
-Foi un ano moi, moi complicado. É un club moi esixente e había un moi bo equipo para ascender -finalizaron undécimos-. O que pasou foi que a falta de pagamentos comezaron desde o primeiro mes. Viñamos cunhas promesas que non se cumpriron, enganáronnos facendo un proxecto espectacular con xente cobrando moito diñeiro. Así é que tiñamos un equipazo. Ata a xornada 12 non perdemos, pero xuntáronse tres ou catro meses sen cobrar e isto explotou.
-O Murcia tamén foi o primeiro equipo descendido nos despachos da historia do fútbol español en 1992.
-Si iso tamén. E hai pouco tamén a Liga descendeunos a Segunda B por outro tema un pouco raro.
-E ademais vai o Cartaxena, máximo rival, e fai unha pedazo de tempada metido en plena loita polo ascenso tras eliminar ao Castela. Sente xa esa rivalidade?
-Si que hai moita rivalidade. Cando nos enfrontamos en Cartaxena viaxou moitísima xente e xa lle dixen que aquí foi a mellor entrada. É unha rivalidade moi bonita. E non son precisamente pobos pequenos. Xogar no estadio do equipo contrario nótase, e vívese o fútbol de verdade.
-Quería que os eliminasen?
-Eu teño moitos amigos en Cartaxena. Está Munúa, está David, o adestrador de porteiros, está Fito Miranda… É como co Dépor e o Celta . Eu defendo as cores do Murcia pero se os meus amigos poden ascender e estar máis arriba pois moito mellor.
-Que tal lle foi a nivel individual?
-Empecei con algunhas dúbidas e con aquel fallo garrafal que tiven ante o Recre e que lembra todo o mundo, pero ao final fixen unha tempada moi boa. Creo que fomos o terceiro equipo menos goleado e recibín 30 tantos en toda a Liga xogando 36 partidos.
-Este ano vestiu de amarelo, de laranxa, de azul... Pero nin rastro da mítica camiseta rosa que vestiu en Ferrol.
-O problema é que ao ser vermella a camiseta do Murcia era imposible ir de rosa. O árbitro dicía que non se podía e descartámola porque non me deixaban, non porque non a quixese.
-Levábaa por algo especial?
-Si. Pola morte da miña nai. O rosa é a cor contra o cancro e levábaa por lembrala. O meu pai faleceu o ano pasado pola mesma enfermidade, por iso, con máis razón, gustaríame levala o ano que vén.
-Onde estará o ano que vén?
-Non o sei. Aquí teño oferta de renovación, pero é á baixa. E estando fóra de casa é complicado que renove aquí. Estou a expensas do que me chegue.
-Non bota de menos as nubes?
-Por aquí vívese moi ben e fai moi bo tempo. Tiven a sorte de adaptarme á cidade e a miña familia tamén está moi contenta aquí. Estamos moi contentos por esta zona. Á parte en Segunda B non hai moitos equipos agora mesmo en Galicia.
-As nubes véñenlle no ADN (o seu pai era escocés), é certo que casou con saia?
-Casei con frac, pero é certo que na cerimonia me puxen o kilt por respecto á familia. O meu pai ía de saia, o meu tío ía de saia, o meu cuñado ía de saia, así que eu tamén ma puxen para o banquete.
-E cando vostede estaba na canteira do Dépor tamén estaba Roy Makaay... imaxínome todo tipo de confusións.
-Chegaron a dicir cando fun convocado coa selección escocesa que eu era fillo de Makaay. Eu con 14 anos e Makaay con 27. Moitas veces a xente escoita campás e non sabe onde. E, por suposto, sempre escribían mal o meu apelido.
En curto
-Unha parada?
-Aquela famosa que lle fixen a Pirlo nunha falta no Teresa Herrera do 2006. Foi espectacular. A xente con aquilo empezoume a tomar un pouco en serio e foi das paradas máis importantes, xunto coa parada do penalti do ascenso coa Ponferradina.
-Unha cantada?
-A do Recre deste ano. Foi moi gorda.
-O seu momento máis feliz como profesional?
-O meu debut en Riazor e o ascenso coa Ponfe.
-O peor?
-O descenso co Racing.
-Algunha frustración na súa carreira?
-Mil decisións erróneas que se puidese volver tomar serían distintas. Non me houbese ir do Dépor, non me houbese ir á Ponferradina naquel momento, houbese ir ao Leganés que acabou subindo a Primeira, houbese ir ao Huesca ou ao Valladolid cando tiven opcións de volver meterme na roda da Segunda División.
-Zarangollos e michirones ou polbo e cocido?
-Polbo, polbo.
-Quen é para vostede o mellor porteiro da historia?
-Buf, miúda pregunta. Non vin a Dino Zoff nin a Lev Yashin. Aos primeiros que recordo son Schmeichel e Jorge Campos, polas súas camisetas, pero se hai dous porteiros que todo o mundo respecta son Buffon e Casillas. Será por algo.
-Algunha superstición?
-Se empezo, non acabo.
-A ver.
-Comer o mesmo sempre antes do partido ou saltar ao campo coa perna dereita.