Atasco mortal no Everest

a voz

DEPORTES

Un estadounidense e unha india faleceron o día en que 200 alpinistas fixeron cima no Everest rompendo a marca de ascensos nunha mesma xornada

24 may 2019 . Actualizado ás 11:47 h.

Dous montañeiros, un estadounidense e unha india, morreron nun Everest que está a sufrir as graves consecuencias do turismo masivo que leva a miles de persoas á cima da montaña máis alta do mundo. O esperpento acada tal magnitude que o mesmo día no que faleceron as dúas persoas mencionadas, máis de 200 alpinistas fixeron onte cima no Everest (8.848 metros), rompendo a marca de ascensos nunha mesma xornada pero tamén creando un atasco que provocou colas de varias horas nun estreito paso da ladeira próximo ao cume. Desde o Campo Basee, o representante do Ministerio de Turismo de Nepal Gyanendra Shrestha confirmou a Efe que uns 250 montañeiros saíron do Campo IV (7.900 metros) durante a noite do martes ao mércores, dos que máis de 200 acadaron hoxe a cima máis alta do mundo.

A apenas unha semana de que a boa meteoroloxía se disipe, moitos deles queixáronse de ter tido que agardar durante «horas» en longas colas polo abarrotamento na zona Cima Sur (8.690 metros), aínda que non se reportaron baixas durante o ascenso de hoxe, afirmou Shrestha.

No 2012, produciuse unha situación similar cando 260 montañeiros trataron de facer cume nun mesmo día aproveitando o bo tempo, o que causou unha acumulación de xente no famoso chanzo Hillary, unha roca vertical de 12 metros que supón o último gran obstáculo antes do teito do mundo.

Nesa ocasión, 179 persoas chegaron aos 8.848 metros e catro -o chinés Ha Wenyi, o alemán Eberhard Schaaf, o canadense de orixe nepalí Shriya Shah e o surcoreano Song Won-bin- pereceron por cansazo e mal de altura cando descendían. O abarrotamento nos ochomiles supón un gran perigo para os alpinistas e os seus sherpas, xa que cada minuto é importante cando un depende dunha botella de osíxeno para sobrevivir e pódelles acadar a noite.

Un equipo de experimentados sherpas coroou a mediados de maio o Everest, dando por inaugurada unha nova tempada de escalada do pico máis alto do planeta que este ano conta con máis escaladores dispostos a intentar a ascensión que nunca. O Departamento de Turismo emitiu 378 permisos de escaladas esta tempada, unha marca histórica desde a primeira ascensión exitosa ao Everest en 1953.