Claramunda, un debut precoz para pechar o curso

charo alonso

DEPORTES

cedida

O novo porteiro coruñés, de 15 anos, iníciase co Silva en Terceira Divisón

21 may 2019 . Actualizado ás 09:04 h.

O Silva puxo o domingo o punto e final a unha tempada sen sobresaltos cunha derrota a domicilio contra o Céltiga na que o verdadeiro protagonista foi o novísimo porteiro Jesús Claramunda, que debutou en Terceira División con tan só quince anos.

O gardameta coruñés disputou os últimos corenta minutos de partido cunha actuación na que, en palabras do adestrador Javier Bardanca, «demostrou unha gran tranquilidade e un saber estar na portería impropias dun mozo da súa idade. Non desentonó en ningún momento».

O técnico silvista quixo así premiarlle despois dunhas semanas de intenso traballo nos adestramentos realizados co equipo de Terceira e destacou do novo porteiro a súa «afabilidade» e «tranquilidade» entre os tres paus, así como a súa actuación «nos balóns por alto».

Claramunda convértese con este debut no xogador máis novo en disputar un encontro de Terceira procedente das categorías inferiores do Silva.

O porteiro, que xa se considera «un silvista máis», mostrouse «contento e con moi boas sensacións» despois de ter podido gozar de minutos co primeiro equipo e quixo agradecer o apoio dos xogadores e de Javier Bardanca por acollerlle con tanto cariño» e facerlle sentir «un máis do persoal».

Tamén se acordou do seu adestrador no cadete e dos seus compañeiros «polo traballo conxunto realizado» e polo apoio constante: «Gustaríame dar as grazas ao club, por ter pensado en min a tempada pasada, aos meus compañeiros do equipo cadete e a Róber, o míster, por axudarme durante a tempada».

Claramunda, que chegou este ano procedente do Liceo de Monelos para incorporarse ás filas do cadete, xa renovou co club para formar parte a próxima campaña do xuvenil A, equipo ao que dedicará todos os seus esforzos futbolísticos. «O ano que vén toca traballar no equipo xuvenil para ascender, seguir axudando ao club como eles me axudan ao meu, progresar e seguir sumando experiencias».

«A idea é centrarme no xuvenil, ese era o obxectivo principal», explica o novo porteiro, que antes de militar no Silva e no Liceo de Monelos, xogou desde neno no Oza Xuvenil. Claramunda mostraríase «encantado» de que Javier Bardanca volvese contar con el para algún partido.

Algo que o adestrador silvista non dubidou en afirmar: «o ano que vén contaremos moito máis con el para que traballe connosco e poida participar nalgún partido máis. Sobre todo para que non se desaproveite a progresión tan boa que está a ter». «A Jesús augúrolle un futuro moi bo, tanto polas súas cualidades futbolísticas como humanas», engadiu Bardanca.