Polémica nos playoff: Philadephia perde e Johnson co móbil no banco

La Voz

DEPORTES

Os Nets sorprenderon aos favoritos en casa e adiántanse na serie

14 abr 2019 . Actualizado ás 16:56 h.

Primeira xornada do playoff, e primeira xornada de sorpresas. Ata tres dos favoritos perderon no seu debut ante o seu público. Toronto Raptors, Denver Nuggets e Philadelphia 76ers perderon contra prognóstico e arrincan a post tempada complicándose moito a vida.

A derrota de Philadelphia (terceiro clasificado na tempada regular) en casa ante Brooklyn  foi a que máis bochas levantou. O base D'Angelo Russell e o escolta reserva Caris LeVert achegaron un total de 49 puntos aos Nets de Brooklyn, que venceron por 111-102 no primeiro partido da rolda inicial de playoffs da Conferencia Este.

Unha derrota inesperada, os Sixers teñen moitas expectativas neste curso e comezar con derrota a carreira polo título doeu moito á parroquia do Wells Fargo. Máis aínda coas imaxes que a televisión mostrou sobre a actitude de dous xogadores no banco. As cámaras cazaron a Amir Johnson consultando o seu teléfono móbil e mostrándollo ao pivote e estrela local Joel Embiid. Unha conduta que moitos tacharon de pouco profesional, nun momento complicado para o equipo e que ademais está prohibida pola Liga .

A entidade xa anunciou que multará o comportamento de Johnson, que estaba no banco a pesar de que era baixa para o partido. O adestrador local tamén se pronunciou sobre o asunto. Brett Brown, recoñeceu que está imaxe “é totalmente inaceptable. Imos aplicar unha sanción interna de inmediato. Non é algo que toleremos porque non vai coa nosa filosofía”. Joel Embiid, preguntado máis tarde polos medios, asegurou que Johnson estaba mirando o móbil porque a súa filla estaba «extremadamente enferma» e estaba pendente da súa evolución. 

Os números do partido

Russell, que debutou nos playoffs como profesional, brillou con 26 puntos, incluídos 19 na segunda parte, catro asistencias e tres rebotes, para liderar a uns Nets que se poñen con vantaxe de 1-0 na serie que disputan ao mellor de sete. Os Sixers, que estiveron sempre por detrás no marcador e nunca puideron superar á defensa dos Nets, tiveron no escolta Jimmy Butler ao seu mellor xogador con 36 puntos.

O pivote camerunés All-Star Joel Embiid, a pesar de sufrir molestias no seu xeonllo esquerdo, achegou un dobre-dobre de 22 puntos, 15 rebotes, catro asistencias e cinco tapones, mentres que o base australiano Ben Simmon, apenas achegou nove puntos, sete rebotes e tres asistencias.

Os Nets, que chegaron a ter 16 puntos de vantaxe no cuarto período, aseguraron a vitoria cun refacho de 12-0 que deixaron aos Sixers sen capacidade de reacción ante os 20.000 espectadores que acudiron a presenciar o partido e que se foron coa frustración dunha derrota inesperada.