O maratón Coruña42, un circuíto para voar

La Voz A Coruña

DEPORTES

CESAR QUIAN

Este domingo celébrase na Coruña o Campionato Galego de maratón, a única cita desta distancia homologada en Galicia

14 abr 2019 . Actualizado ás 12:25 h.

A cidade da Coruña será este domingo o escenario do seu xa asentado maratón, que na súa oitava edición será ademais valedoiro como Campionato Galego. Esta será a única proba que Galicia gozará durante este ano nun circuíto homologado pola Federación Española de Atletismo para esta distancia. En total serán 814 valentes os que participarán nesta proba (dos que 168 farano como participantes do Galego), aos que logo hai que sumar 1.365 inscritos máis na competición paralela que haberá de 10 quilómetros.

Entre os rivais a bater no maratón atópanse os kenyanos Ruto Hosea Kiprotic (2.12) e Cheronges Dominic Pkemoi (2.13), en categoría masculina; e Kirop Helena Loshanyand (2.23), na feminina. Mentres que entre os candidatos ao cetro autonómico destacan, pola súa marca acreditada, o coruñés Ramón Serantes (2.27) e o pobrense Víctor González Horta (2.29), en homes; e a pontevedresa María del Rosario Figueroa (3.02) e a coruñesa Natalia García (3.31), entre as mulleres.

A proba coruñesa contará ademais con numerosos alicientes para que os deportistas poidan realizar grandes marcas. O circuíto é practicamente plano e desenvólvese pegado ao mar; haberá lebres que marcarán os ritmos para acadar os 3.15, 3.30 e 3.45; e ademais haberá un premio económico para quen bata as mellores marcas da proba tanto na categoría masculina (o 2.12.21 conseguido por Javier Guerra no 2013) como na feminina (o 2.40.23 conseguido tamén no 2013 por María Jesús Gestido). A previsión do tempo parece ademais favorable para que se poida conseguir, xa que os ceos estarán cubertos e o vento será de sur, con pouca intensidade.

Unha mañá intensa

O maratón comezará ás oito e media da mañá e constará dun circuíto no que os participantes darán tres voltas. O trazado parte desde Os Cantóns, para avanzar por Juana de Vega e o paseo marítimo, cara ao Aquarium Finisterrae. Desde aí darán a volta cara ao estadio de Riazor e regresarán ao centro da cidade para pasar por praza de Mina e praza de Ourense e continuar por Linares Rivas ata Oza. A meta establecerase, un ano máis, en María Pita.

No que respecta á carreira de 10 quilómetros, esta arrincará ás 8.45 horas.