O equipo coruñés acabou con oito xogadores por tres expulsións tras o penalti que decidiu o partido
10 feb 2019 . Actualizado ás 19:05 h.O Compos levantou un partido que tiña moi costa arriba ante un Silva que viu cortada un refacho de cinco vitorias e que acabou con oito xogadores pola expulsión de Lorusso, Scalon e Michi Leal tras o penalti que decidiu a contenda. Sumo tres puntos nun duelo áspero, que lle permiten seguir en zona de promoción.
Yago López viuse obrigado a retocar o once polas baixas pero, finalmente, mantivo o debuxo das últimas xornadas, con tres centrais. Aí situou a Sergio Pereira con Casas e Chechu Meneses. As bandas quedaron para Miki e Brais Abelenda, con Samu e Mon no dobre pivote, e con Álex Ares, Santi Gegunde e Aythami máis adiantados.
En fronte atopouse cun rival incómodo, unha dor de moas. Ten as ideas claras. Desprega un fútbol de moita orde e escaso risco. O porteiro nunca saca o balón xogado. Mesmo cando inicia o xogo coas mans pon o esférico no centro do campo. Todos teñen permiso para facer o que en rugbi sería unha patada a seguir. E de cada acción a balón parado ou roubo en campo contrario adoitan sacar unha ocasión.
O Compos intentou que se xogase lonxe da súa portería e conseguiuno a medias. Non é doado ante un Silva que rarísima vez trata de saír desde atrás combinando. A esa complicación sumóuselle un campo sintético no que non é sinxelo trenzar catro pases seguidos.
Na primeira parte houbo poucas opcións nos dous lados. E o que si houbo foi un minuto crave, o que vai do 34 ao 35. A única vez en que o Compos puido gañar as costas aos fornidos centrais locais, Aythami avanzou pero xutou mal, alto. Xusto a continuación, Lorusso porfiou por un balón preto do córner, gañouno, púxoo na área e Joao Paulo anotou na área pequena.
Tras o paso polos vestiarios o partido seguiu polos mesmos camiños, aínda que co paso dos minutos o Compos foi atopando o xeito de chegar con algo máis de perigo á área local.
Non deixou de apostar polo seu fútbol combinativo pero, curiosamente, igualou nunha acción en tres pases, moi vertical. Santi Gegunde peiteou, Aythami gañou as costas aos centrais e definiu cunha parábola sobre a saída do porteiro.
Tras o empate non se conformou. E atopou a súa sorte no minuto 84. Brais Abelenda gaña as costas ao seu par, centra á área e Michi Leal comete penalti sobre Aythami. Viu a amarela e antes do lanzamento desde os once metros chegaron as expulsións de Scalon e Lorusso. Xusto despois, a de Michi Leal.
O Silva non deixou de intentalo cun fútbol directo. Tivo o seu chance nun córner e nun saque de falta, pero o Compos contrarrestou.
Silva 1: Guillermo; Brais Lema, Fiuza, Scalon, Michi Leal, Lorusso; Souto (Aarón Sáncez, min 77), Charly (Toni Insua, min 81), Kata (Jony Fila, min 70), Marcos Gómez; e Joao Paulo.
Compostela 2:Lorenzo; Sergio Pereira, Casas, Chechu Meneses; Miki, Samu (Josiño, min 62), Mon, Brais Abelenda; Santi Gegunde; e Aythami (Naveira, min 90).
Goles: 1-0, min 35: Joao Paulo. 1-1, min 72: Aythami. 1-2, min 84: Álex Ares, de penalti.
Árbitro: Casanova Cudeiro, de Ourense. Expulsou aos locais Lorusso, Scalon e Michi Leal despois de pitar o penalti.
Incidencias: A Grela. Vixésimo terceira xornada de Liga en Terceira División.