Solange Pereira e Alice Finot: cando as lebres se permutan

X.R Castro

DEPORTES

flor curras

Pereira tirou de Finot no 1.500 m do galego de pista cuberta e a francesa devolveulle o favor empurrándoa na proba de 800

20 ene 2019 . Actualizado ás 21:45 h.

Coas lóxicas excepcións no atletismo o compañeirismo segue sendo norma. Así o demostraron Solange Pereira e Alice Finot no Campionato Galego absoluto de pista cuberta celebrado en Ourense. Pola mañá, recentemente chegada de Valencia tras conseguir a mínima para o Europeo indoor de Escocia, a canguesa tirou da francesa afincada Vigo no seu intento de conseguir a marca esixida pola federación gala e pola tarde a enxeñeira adscrita ao Celta Feminino devolveulle o favor para que Solange asinase unha marca de 2m 06s 95c nos 800 metros.

A atleta do Valencia habíase comprometido con Alice días antes do galego absoluto. Se conseguía o seu obxectivo no mitin do venres e tiña forzas viaxaría o domingo a Ourense para tirar da francesa na pista voadora de Expourense. E así o fixo durante máis de 1.000 metros (para abandonar a continuación) e despois de darlle un bo número de consellos nos prolegómenos do 1.500. O afán da canguesa serviulle a Finot para rebaixar a súa marca (fixo 4m 17s 45c) pero non para baixar dos 4.14 minutos que esixe a federación francesa.

Pola tarde Alice devolveulle a moeda no 800, unha distancia que Solange visita de cando en vez. A francesa tirou con todas as súas forzas mentres as pernas aguantáronlle e a canguesa acabou gañando a proba cun tempo de 2m 06s 95c, quedándose a tan só 17 centésimas do seu mellor marca baixo teito conseguida en febreiro do 2018 en Valencia. Un rexistro que non a deixou contenta do todo pero que confirma o seu excelente momento de forma para tratarse do inicio de tempada e despois de correr tres carreiras no espazo de tres días.

Á marxe desta demostración de compañeirismo, o galego absoluto deixou unha excelente estampa en carreiras como os 3.000 metros masculinos co mellor do fondo galego pegándose en busca do podio. Finalmente levou o ouro Manuel Furtado, un home que se iniciou na marcha, pasou polo cros e agora pisa a pista con firmeza. A prata foi para Carlos Porto. Rifada tamén resultou a pértega masculina con triunfo final de Miguel Cajaraville.

Marca galega promesa

A marca galega da xornada chegou nos 400 metros femininos e levou a firma da coruñesa Paula Iglesias , que cos seus 55,11 segundos establece unha nova plusmarca autonómica en categoría promesa. Tamén destacou a marca de Mauro Triana, que gañou o 200 con 21,48 segundos. Outro punto de interese foi o rexistro de 7,79 segundos de Nerea Iglesias nos 60 metros.

Por outra banda, Jean Marie Okutu, outro dos ilustres do atletismo galego, gañou o salto de lonxitude con 7,59 metros.

Ouro para Adrián Ben en Francia

Doutra banda o viveirense Adrián Ben tomou parte no Campionato Unión Mediterráneo sub-23 e impúxose no 1.500 metros cun tempo de 3m 46s 4c.

O galego foi un dos catro ouros da delegación española.