Todo o que debes saber sobre a Champions

Iván Antelo REDACCIÓN

CHAMPIONS

MAX ROSSI

O sorteo, os posibles rivais de Barça, Atlético e Real Madrid e as novidades de cara a oitavos

13 dic 2018 . Actualizado ás 12:33 h.

Xa se acabou a fase de grupos da Champions. Dezaseis equipos acceden ás roldas finais, que se disputarán a partir de febreiro. Hai catro ingleses (Manchester City, Liverpool, Tottenham e o Manchester United), tres españois (Real Madrid, Barcelona e Atlético ), tres alemáns (Bayern Múnic, Borussia Dortmund e Schalke 04), dous italianos (Juventus e Roma), dous franceses (París Saint Germain e Lyon), un portugués (O Porto) e holandés (Ajax).

Cando e onde se celebrará o sorteo?

Este luns 17 de decembro, ás doce do mediodía, na sede da UEFA en Nyon, Suíza.

Hai condicionantes?

Catro. Un primeiro débese de enfrontar cun segundo de grupo; e non poden emparellarse nin equipos do mesmo país nin aqueles que coincidiron na fase de grupos. A volta xogarase no campo da escuadra que gañou a súa liguiña inicial.

Cando se xogará a eliminatoria de oitavos de final?

As oito eliminatorias divídense en oito días. A ida xogarase en catro (12, 13, 19 e 20 de febreiro) e a volta noutros catro (5, 6, 12 e 13 de marzo). Son as televisións quen deciden cando xoga cada cal. As premisas que usan son dúas, principalmente: que non coincidan nun mesmo día máis dun equipo dun país, sempre que sexa posible, e que quen xoga a ida en martes a volta celébrea en mércores (ou viceversa).

A quen lle pode tocar ao Real Madrid?

Como foi campión de grupo, tocaralle un segundo e a volta xogarase no Bernabéu. Hai seis posibles rivais: Liverpool, Schalke 04, Ajax, Lyon, Tottenham e Manchester United. Os desexados son Shalke 04, Ajax ou Lyon, por esta orde, e o máis temido o Liverpool. O Manchester United, pola presenza de Mourinho, e o Tottenham, porque o adestra Pochettino e xoga Kane, ambas na órbita dos brancos,serían duelos con morbo

Kai Forsterling

A quen lle pode tocar ao Barcelona?

Como foi campión de grupo, tocaralle un segundo e a volta xogarase no Camp Nou. Hai seis posibles rivais: Liverpool, Schalke 04, Ajax, Lyon, Roma e Manchester United. Os desexados son Shalke 04, Ajax ou Lyon, por esta orde, e o máis temido o Liverpool. O Manchester United, pola presenza de Mourinho, e o Roma, o seu verdugo na pasada edición, serían as opcións con morbo.

A quen lle pode tocar ao Atlético?

Como foi segundo de grupo, tocaralle un campión e a volta xogaraa lonxe do Metropolitano. Hai cinco posibles rivais:PSG, O Porto, Bayern de Münich, Manchester City e Juventus. O desexado é o O Porto e os demais son temibles. Dado que o Manchester City non pode enfrontarse aos 3 ingleses que foron segundos d egrupo nin ao seu compañeiro de grupo, o Lyon, é o equipo con máis opcións de que lle toque ao Atlético (un 25 por cento).

JASON CAIRNDUFF

Que novidades haberá en oitavos?

A principal é que haberá VAR. Ademais, os equipos poden asinar a xogadores que teñan disputado a primeira fase con outro equipo se os fichan no mercado de xaneiro. É a primeira vez que ocorre isto. Lembremos que a pasada tempada Coutinho non puido ser aliñado polo Barcelona en Champions por ter xogado anteriormente co Liverpool. Esa norma restritiva foi abolida.

Hai condicionantes de cara aos cuartos?

Non. O sorteo de cuartos de final é puro e os oito equipos que superen a eliminatoria de oitavos pasarán en igualdade de condicións.