Josete: «Non agora por marcar catro goles témonos que volver tolos»

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

DEPORTES

ALBERTO LÓPEZ

O central do Lugo pide calma tras a vitoria contra As Palmas para afrontar unha saída difícil a Almería

12 dic 2018 . Actualizado ás 14:25 h.

Josete falou este mediodía sobre a marcha da semana tras o triunfo do Lugo contra As Palmas (4-2): «Non nos temos que desviar de que isto é moi longo. Non agora por marcar catro goles témonos que volver tolos. Imos ter que sufrir e traballar en equipo como o estabamos facendo para que volvan chegar as vitorias». Completamente recuperado tras o choque con Piovacari que lle custou 14 puntos de sutura, di que «foi máis aparatoso do que me pasou en realidade. Foi un choque, unha disputa, pero só superficial. Nin me entrou mareo nin nada e estou xa perfectamente».

O central de Elxe cre que conseguiron mellorar no tramo final para que non se lles escapasen os puntos nos últimos minutos.«Falámolo máis dunha vez que non nos podía pasar por exemplo o de Pamplona, que ao final con 0-0 escápasenos un punto. Creo que ao final esa é a liña, que nos últimos minutos se vas por diante o importante é que non che logren empatar e así foi. Intentamos madurar o partido, facer o noso xogo e contrarrestar o das Palmas, que tiña un poderío ofensivo brutal», axplicaba.

Monteagudo probou con defensa de cinco para axudar ao equipo a pechar o partido, metendo a Bernardo como un dos seus cambios e Josete recoñece que iso lles axudou a manter a seriedade defensiva ata o final:«En defensa canto máis protexido e máis acumules aí atrás pois che sentes mellor. Creo que foi unha decisión acertada, creo que é a liña a seguir, madurando os partidos e facendo o noso xogo. Traballando así as vitorias chegarán». O defensor traballou con defensa de cinco no Lugo de Francisco o ano pasado, cando o técnico almeriense introduciu a Carlos Pita como terceiro central e comentaba que este ano «en partido oficial non a utilizamos practicamente nada, foi en momentos puntuais talvez. O ano pasado si que estabamos cómodos e este ano, se o míster considera pór a defensa de cinco, eu creo que o equipo se vai a adaptar perfectamente».

O debe dos branquivermellos está no balón parado. Contra os canarios encaixaron os dous goles en contra deste xeito e levan varios partidos acusando a efectividade do rival en estratexia. «Parece que os goles que encaixamos veñen por aí, intentamos falalo todo e facer piña, pero ao final claro, o equipo contra o que un xoga ten os seus movementos e talvez estamos a pecar un pouco de que nos falta saber contrarrestar ese xogo a balón parado que ten o equipo contrario», dicía esta mañá Malagón. Josete facía autocrítica e comentaba que «isto se traballa e teremos que intentar mellorar iso, porque si é verdade que analizando os últimos goles: o último gol de Levante para min non conta, pero o outro é a balón parado, o de Pamplona igual, o outro día das Palmas uno é en córner e outro en saque de banda. Son moitas accións e creo que o temos que mellorar traballando desde a humildade».

Agora toca viaxar a Almería, onde o Lugo competirá este domingo (20.00 horas). «É un equipo que está ben, que domina bastantes facetas do xogo. É un equipo que ataca ben, que defende ben, moi compensado. A presión tras perda que ten... Intentaremos traballar o partido e meterlles man da forma que queira o míster». Comentaba que intentarán sumar «que sempre é positivo, se é de tres pois mellor, pero sabemos que imos a unha praza difícil, que eles alí son fortes. Imos intentar traballar o partido para traernos os tres puntos e dar ese salto de calidade para estar nesa zona cómoda».

«Os que non teñan pagado no Reus non se poden ir de rositas»

«Eu intento que non me afecte moito», dicía Josete sobre o caso Reus, «teño algún amigo alí. Visto desde fóra o que ha inclumplido é o club e haberá que penalizalo, pero sen prexudicar ao xogador nin ao traballador. Non sei de que xeito, non son especialista, pero se a xente non está a cobrar deberíaselles pór unha sanción ou algo». Na súa opinión «os que non teñan pagado non poden irse de rositas. É dicir, se teño compañeiros e amigos no Reus están tres meses sen cobrar, traballadores aos que se cadra unha nómina xa lles fai, imaxínache tres. Sen prexudicar aos xogadores e traballadores, pero habería que buscar algunha solución, non se cal sería o xeito máis xusto, pero isto non pode quedar así. Para algo hai un límite salarial que todos os equipos cumpren e estariamos a xogar con algo de vantaxe».