Unha galega na elite da arbitraxe: «Ser internacional é un orgullo»

Iván Antelo A Coruña

DEPORTES

MIGUEL VILLAR

A colexiada Zulema González recibirá a escarapela que lle permitirá no 2019 ser a primeira galega en dirixir partidos das mellores competicións do mundo

13 dic 2018 . Actualizado ás 09:49 h.

A colexiada ourensá Zulema González segue derrubando barreiras. No 2015 converteuse na primeira muller en dirixir partidos de categoría nacional en Galicia tras ascender á Terceira División do fútbol masculino; ese mesmo ano liderou o primeiro trío arbitral de mulleres nun encontro da citada categoría (xunto a Elena Casal e Alicia Andrés, na Senra, nun Ribadumia-Boiro); no 2017 pasou a dirixir tamén partidos de Primeira División feminina, compartindo a honra de ser a primeira galega coa viguesa Elena Casal; e, no 2019, será a primeira galega en acadar a internacionalidad. Unha distinción que xa acadaran como asistentas tanto Yolanda Parga como Tania Fente, pero ela será a primeira como árbitra principal.

«Estou moi contenta, súper ilusionada e orgullosa por ser internacional. Pero tamén é unha responsabilidade porque agora quero demostrar que merezo estar aí. Cando empecei non me imaxinaba poder ser a primeira en nada e agora estou encantada de poder selo. E sigo coa ilusión de que veñan moitas máis cousas. Pero bo, hai que ir cumprindo obxectivos aos poucos e traballar duro, porque cando traballas van chegando as cousas», explica a galega.

MIGUEL VILLAR

Zulema, de 26 anos, recibirá a escarapela internacional nunha gala que se celebrará o vindeiro martes 18 de decembro en Madrid. Grazas a esta distinción, a ourensá poderá empezar a dirixir partidos das mellores competicións do mundo. «É a ilusión que ten todo o mundo cando empeza. Recordo que cando o conseguiu o meu tío [Bernardino González Vázquez] díxenme: ‘guau, unha escarapela...'. E agora ver que a consigo eu... É incrible», agrega.

O primeiro gran evento internacional que se presenta no horizonte é o Mundial de Francia de fútbol feminino, que se celebrará en territorio galo do 7 de xuño ao 7 de xullo. «É moi pronto aínda para min. Dentro da internacionalidad dos árbitros, hai distintas categorías e hai que ir subindo aos poucos. Eu empezarei en Terceira e intentarei subir a Segunda... E logo está Primeira e elite, que serán as que dirixan o Mundial. Pero bo, eu agora só me centro no primeiro curso internacional, que o teño ultímaa semana de xaneiro, E aí xa verei un pouco que partidos son os que podería dirixir para empezar», explica.

Ademais de arbitrar partidos na elite de fútbol feminino, Zulema tamén intentará subir á Segunda División B do masculino. «É un obxectivo, non o podo negar. Está claro que é difícil e oxalá poida ser. Igual que tamén era moi complicada a escarapela, con catro árbitras estupendas que temos en España e só unha quinta praza á que podiamos optar... E ao final conseguiuse», advirte.