As azuis e un gol a 19 segundos do final condenan ao Liceo en Lleida

La Voz

DEPORTES

M. M.

A expulsión de Sergi Miras con medio minuto por xogar, e antes, as dos irmáns Lamas, pasaron factura ao equipo coruñés

09 dic 2018 . Actualizado ás 17:41 h.

O duelo entre Deinos Benedetto levoullo Roberto. E iso que Carlo anotou dous tantos, pero o seu irmán igualou esa marca e levou vivo ao Lleida aos últimos segundos, nos que a fortuna lle foi esquiva ao Liceo (5-4). Un polémico final condena aos de Juan Copa á derrota tras sete vitorias consecutivas, que ademais os iguala co Reus na segunda praza e afástaos do líder Barça ata os seis puntos.

Foi un partido igualado. O cadro verdibranco comezou dando primeiro, grazas a un tanto de Marc Coy, pero os locais, feridos o seu orgullo tras encadear tres xornadas seguidas sen gañar, pronto lle darían a volta, grazas aos tantos Andreu Tomás e Roberto Dei Benedetto.

Tras o paso polos vestiarios, Josep Lamas igualou a contenda, pero unha azul ao capitán liceísta e outra ao seu irmán Eduard, sacaron aos de Juan Copa do partido. O Lleida aproveitou a superioridade e unha falta directa para pórse dous goles arriba. Foi cos tantos de Maxi Oruste e Roberto Dei Benedetto, con menos de 40 segundos de diferenza entre o 3-2 e o 4-2.

O Liceo viuse dous abaixo, con menos de dez minutos por xogar. O tempo foise consumindo e, cando parecía que a vitoria quedaría en casa, os verdibrancos enlazaron dúas poutadas nos últimos cinco minutos para igualar o envite. Carlo Dei Benedetto anotou ambas as dianas. O 4-3 a 5:43 do final e o 4-4 a 2:29.

Entón, o partido púxose de cor visitante. Parecía que o Liceo asestaría dando o golpe definitivo. Pero todo se foi ao traste a 33 segundos do final. Outra azul, esta vez a Sergi Miras, concedeu ao Lleida unha falta directa (marrada por César Candanedo) e unha superioridade numérica que acabaría aproveitando Joan Caññellas a 19 segundos do final para darlle os tres puntos ao Lleida.

O próximo compromiso ligueiro do Liceo será o domingo 16, ás doce e media, contra o Reus. Unha boa oportunidade para distanciarse na segunda posición da OK Liga .

Ficha do partido

Lleida: Lluis Tomás, Joan Cañellas, Maxi Oruste, Andreu Tomás e Roberto Dei Benedetto -cinco inicial-. Pol Besoli, Jordi Creus, Raúl Fernández e César Candanedo.

 Liceo: Xavi Malián, Edu Lamas, Carlo Dei Benedetto, Marc Coy e Sergi Miras -cinco inicial-. Josep Lamas, Dava Torres e Facu Bridge.

Goles: 0-1, min 10: Marc Coy; 1-1, min 19: Andreu Tomás; 2-1, min 23: Roberto Dei Benedetto; 2-2, min 33: Josep Lamas; 3-2, min 33: Maxi Oruste; 4-2, min 39: Roberto Dei Benedetto; 4-3, min 45: Carlo Dei Benedetto; 4-4, min 48: Carlo Dei Benedetto; 5-4, min 50: Joan Cañellas.