Levántase o pano no Pazo

Loly Vilares

DEPORTES

ISAÁC FERRERA / MIGUEL ÁNGEL POL

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa pasou o debut, que se saldou cunha axustada derrota ante un equipo que está chamado a estar na parte alta da clasificación. Quen vise o partido ante o Cadi a Seu estará de acordo comigo en que aínda quedan moitos axustes que facer e moito traballo por diante ata que poidamos REVISAR ver un Ensino que poida plantar cara, con garantías de vitoria, a calquera rival.

A imaxe que se deu foi a dun equipo que ten máis ou menos claro que xogadoras son os seus referentes e en quen se ha de basear o seu xogo para que este sexa efectivo de cara á canastra rival. Tamén se mostraron algunhas carencias tácticas e técnicas, pero ningunha delas insalvable, todo é cuestión de adestramento e de que todas as pezas do quebracabezas estean dispoñibles para o corpo técnico lucense. Hoxe toca o debut en casa, ante unha afección famenta por ver baloncesto feminino do máis alto nivel. Agardemos que as xogadoras de Nécega non noten en exceso a presión e poidan pór as cousas difíciles ao rival, se ademais se consegue unha vitoria, a noite será redonda. Pero coidado, estamos a falar do equipo zamorano, un cadro de persoal coñecido pola súa experiencia e a súa intensidade desde o asubío inicial e co acicate de ter sufrido unha axustada derrota na primeira xornada.

Tendo en conta todos estes factores, imos gozar dun partido da Liga Día animando a un Durán Maquinaria Ensino que está a intentar atopar o seu sitio nunha das competicións de máis calidade do baloncesto europeo.