Cando o rival cede xogadores para equilibrar o duelo

DEPORTES

Lupe Llamosas

O CRAT cedeu catro integrantes aos Ingleses no descanso de un partido de rugbi que ía 88-0

16 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Máis que un deporte, é unha escola que en lugar de libros ten un balón oval como soporte lectivo. O rugbi galego volveu dar exemplo diso a pasada fin de semana en dous encontros correspondente á Liga Galega sub-16: o CRAT-Os Ingleses e o Muralla-Pontevedra. Coruñeses e pontevedreses cederon xogadores aos seus rivais para equilibrar dous encontros que mostraban marcadores demasiado avultados ao descanso.

No caso do CRAT-Os Ingleses, o duelo chegou ao seu ecuador cun 88-0, «que non era beneficioso para ninguén», segundo integrantes do club coruñés. «Nestas categorías, que ademais son mixtas, trátase de ensinar, non só de competir. Mesmo cando hai faltas, o árbitro detén o xogo e explícallas aos xogadores», engaden.

Deste xeito, Sara Boughaba, Gonzalo De Pablos, Iago Crespo e Izan Mouras xogaron a segunda metade co equipo rival. Nesta categoría a acta pechar cando se acada o medio centenar de puntos de diferenza. O partido segue, pero o marcador non avanza. Noutros países, como Nova Zelandia ou Australia, é o habitual. En España, non tanto. Pero isto é rugbi. «O CRAT lévao practicando hai tempo. Os xogadores non adoitan negarse, moitos se coñecen desde hai tempo», explica un dos adestradores do equipo, Jorge Fraguela. O outro, Santiago Luaces, engade: «Foi un pracer facelo, e máis cun club señor como Os Ingleses. Eles mesmos tiveron un xesto de deportividade o ano pasado cando nos xogabamos a Liga contra eles e o árbitro equivocouse nunha touch e o seu adestrador advertiuno». Os Ingleses agradeceu o xesto publicamente. «O equipo rematou cun sorriso grazas a iso», concluían.