A maxia de Carlos Pita abre camiño en Zaragoza

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

DEPORTES

Daniel Marzo

O mediocentro marcou un golazo desde o centro do campo e Dongou redondeou o marcador na segunda parte

22 sep 2018 . Actualizado ás 20:32 h.

Partido impecable do Lugo na Romareda. levou os tres puntos a pesar dun arranque algo titubeante. Sen renunciar á posesión, os branquivermellos (hoxe de negro) aproveitaron as perdas do Zaragoza para facerlle un descosido á contra. Un zapatazo máxico de Pita desde o centro do campo abriu o marcador e marcou o camiño. Dongou redondeou o resultado na segunda metade tras pescar un rexeite.

Máis cambios no once de Javi López por terceira xornada consecutiva. Tras deixar a Bernardo fóra da convocatoria, apostou por Josete como parella do portugués Vieira no eixo da zaga. Tamén sentou a Escriche e aliñou a Dongou con Herrera na punta de lanza. O centro do campo mantívoo intacto. Idiakez só moveu a un home pola lesión de Igbekeme: Oliver Buff.

Tardou en desperezarse o Lugo na Romareda. Movía a pelota o Zaragoza, cómodo e con chegada ante un rival que, sen renunciar á posesión, tiña problemas para crecer con ela. Combinaban moito os galegos en zona de risco, incapaces de superar as liñas mañas. Mentres, o tridente formado por Gual, Pombo e Álvarez ameazaba con facer desfeitas.

Os de Javi López empezaron a entoarse á contra, aproveitando as perdas que unha e outra vez sufría o conxunto local no centro do campo. Dongou quixo sacarlle punta a unha desas imprecisións cunha cabalgada potente e foi capaz de filtrar o pase perfecto para Herrera, que encaraba en boca de gol. Só un oportuno Christian Álvarez desbarataría os plans branquivermellos.

O porteiro do Zaragoza fixo méritos na primeira parte e só a maxia de Carlos Pita puido ensombrecer a súa actuación. O mediocentro coruñés provocou outra perda no centro do campo. Era o minuto 22 de partido. Levantou a vista, analizou a xogada, armou a perna e descargou o golpeo perfecto. O balón percorreu 50 metros, pillou ao meta arxentino adiantado e pasoulle por amais coándose ao fondo da rede.

Poderían ter chegado máis antes de retirarse para o descanso. Herrera mandouna ao pau tras zapatear unha falta próxima, Iriome estivo preto de burlar a Álvarez tras recibir un centro preciso no corazón da área e outra contra desbaratouse en zona maña a pesar de que o Lugo chegaba nun tres para dous. Preparábanse cambios no Zaragoza, completamente esvaecido no centro do campo.

A segunda parte serviu para que o Lugo ampliase o marcador e levantase a súa muralla. Os maños saíron elevados, con ganas de facerse señores dos espazos. Tívoa Pombo tras un control e pase de Marc Gual preto da área de Juan Carlos. Parecía que os locais estaban no seu mellor momento cando Dongou subiu o segundo ao marcador para os de Javi López. O camerunés sacou punta á triangulación con Aburjania e Herrera e pescou o rexeite de Álvarez tras o disparo do canario no perfil contrario da área.

Dispostos a conservar o marcador, os branquivermellos pecháronse atrás. Coa orde marcial que lles acompañou ao longo de todo o partido, mantivéronse impenetrables a pesar dos problemas físicos de varios xogadores: Kravets tivo que retirarse, Pita pediu o cambio e Aburjania rematou xogando moi sobrecargado.

Ficha técnica:

Zaragoza, 0: Cristian, Benito, Grippo, Verdasca (Aguirre, min 76), Lasure, Zapater, Javi Ros, Buff (Papunashvili, min 46), Pombo, Marc Gual (Soro, min 67) e Álvaro

Lugo, 2: Juan Carlos, Leuko, Vieira, Josete, Kravets (Jose Carlos, min 62), Iriome, Pita (Azeez, min 78), Seoane, Aburjania, Dongou e Herrera (Campillo, min 69)

Goles: 0-1, min 22: Carlos Pita. 0-2, min 56: Dongou.