Vía libre para Sainz en McLaren

David Sánchez de Castro COLPISA

DEPORTES

ZOLTAN BALOGH | EFE

Fórmula 1 Sen Alonso no 2019, a porta hase aberto para o madrileño que, agora mesmo, non ten asento no Mundial para a próxima tempada

16 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A retirada de Fernando Alonso vai ter consecuencias en moitas frontes, un deles no que afecta a Carlos Sainz. O madrileño, a día de hoxe, non ten asento para a tempada 2019, pero a saída do seu bo amigo e mentor ábrelle as portas a McLaren . Sen ser un dos destinos máis atractivos para calquera piloto neste momento (McLaren non pasa, nin moito menos, polo seu mellor momento), Sainz non ten moitas máis opcións. En Renault botáronlle de xeito máis ou menos educado para colocar a Daniel Ricciardo xunto a Nico Hülkenberg, e Red Bull decide que vai ser do madrileño. Pierre Gasly cumpre con todos os requisitos que buscan na escuadra das bebidas enerxéticas para substituír ao australiano, polo que agora mesmo Sainz ten pé e medio fóra da que foi a súa casa desde que comezou a competir hai máis dunha década.

Para McLaren é unha opción máis que atractiva. Substituír a Alonso non é unha tarefa nada sinxela, pero o perfil que necesitan é claro: experiencia en F1, garantía de traballo, comodidade para traballar con outros e sobre todo ganas de tirar cara a adiante. Sainz cumpre dabondo con estes parámetros, tendo en conta que aínda queda por ver quen lle acompañaría. Stoffel Vandoorne está a defraudar de xeito notable, pero conta cunha pequena vantaxe sobre Lando Norris, o diamante en bruto que teñen en Woking na F2: a experiencia.

As semellanzas entre Norris e o que foi Lewis Hamilton nos seus inicios fai que sexa unha posibilidade tan atractiva como dubitativa para os responsables de McLaren . O que está practicamente descartado é que sexan Vandoorne e Norris quen formen equipo no 2019, un ano de transición ata o gran cambio normativo do 2020, xa que non só a inexperiencia de ambos xoga en contra da súa posible unión (polo menos, a curto prazo), senón tamén os coñecementos que pode achegar Sainz de Renault e Red Bull. Se todo vai como está previsto, o futuro de Sainz desvelarase en próximas semanas. E, agora mesmo, está máis preto de McLaren que nunca.