Lidia Parada rompe barreiras

X.R.C. / V.C.

DEPORTES

Javier Lopez Hernandez | EFE

A barbancesa convértese na primeira galega que lanza a xavelina máis aló dos 60 metros (61,25) e logra a mínima para o Europeo

22 jul 2018 . Actualizado ás 16:51 h.

Galicia non para de coleccionar ouros no lanzamento de xavelina feminino no Campionato de España, e xa van 22, pero ata onte ningunha das lanzadoras fora capaz de superar os 60 metros. Fíxoo a barbancesa Lidia Parada na mañá do sábado en Xetafe enviando o dardo a 61,25 metros, a segunda mellor marca española de todos os tempos, marca de campionato, plusmarca galega e mínima para o Campionato de Europa a celebrar do 7 ao 12 de agosto en Berlín.

Parada, que considera márcaa palabras maiores., conseguiu o seu cuarto título de campioa de España consecutivo cunha actuación soberbia, comezando con dous lanzamentos por amais dos 57 metros. Tras un nulo no terceiro volveu repetir por amais dos 56 para, no sexto e último intento, asinar a mellor marca da súa vida, 61,25 metros, mellorando en máis dun metro os 59,03 que tiña acreditados desde o ano 2015, rexistro que se mantén como a mellor marca española en categoría promesa.

A deportista da Atlética Barbanza gañou o concurso con total autoridade, sacándolle seis metros á segunda clasificada, Arantza Moreno, mentres Mercedes Berra finalizábase terceira cun rexistro de 52,61. Berra, medalla de bronce da disciplina no Europeo de Gotemburgo no 2006, era ata onte a única española que superara os 60 metros, e polo momento mantense como plusmarquista española da disciplina cos 64,07 conseguidos en Valencia en xuño do 2010.

O tiro da súa vida chégalle a Lidia Parada nun ano complicado, con problemas físicos que non lle deixaron traballar con normalidade ata o mes de marzo, algo que non lle impediu explotar nas últimas datas. Primeiro avisou do seu potencial no Internacional de Leiria (Portugal) a semana pasada cunha marca de 55,53 metros, o seu mellor rexistro do ano ata onte, e en Xetafe rompeu a mítica barreira dos 60. «Estou como atacada, non mo podo crer», comentou tras o concurso, aclarando despois que o seu gran obxectivo era Berlín. «Este ano viña pola mínima, o título dábame igual».

O resto dos galegos

A prata da delegación galega na primeira xornada levoulla a mugardesa Belén Toimil no lanzamento de peso facendo bos os prognósticos. Toimil lanzou 15,77 metros, marca conseguida no primeiro intento. Frank Casañas tamén se fixo coa prata no lanzamento de disco cunha marca de 56,97 metros conseguida nun concurso onde só fixo dous lanzamentos válidos.

Por outra banda, a valdeorresa Leticia Gil colgouse o bronce en salto de lonxitude cunha marca de 6,25 metros. A atleta galega confesouse triste pola marca, pero contenta co bronce conseguido. En salto de altura Saleta Fernández, con problemas físicos desde o nacional sub-23, tivo que conformarse co cuarto posto. quedou a cinco centímetros do bronce. Este domingo será a quenda de Ana Peleteiro, Solange Pereira, Adrián Ben e Jean Marie Okutu como principais bazas galegas.