Emotiva homenaxe do motociclismo ao mozo piloto falecido en Montmeló

La Voz / Axencias

DEPORTES

LLUIS GENE | afp

Andreas Pérez, de 14 anos, perdeu a vida o pasado 11 de xuño tras un accidente no Mundial juniot no circuíto catalán

17 jun 2018 . Actualizado ás 15:56 h.

No mesmo escenario onde Andreas Pérez sufría un accidente que lle custaría a vida, os mellores pilotos do mundo rendíanlle unha homenaxe póstuma. Cos dedos sinalando o ceo, Jorge Lorenzo e Marc Márquez lembraban ao mozo piloto español desde o máis alto do podio do circuíto de Montmeló.

Varias bandeiras co número 77 e o nome do piloto de 14 anos ondeaban ao termo da carreira de motoGP , cando o mallorquino, tras lograr a súa segunda vitoria consecutiva no Mundial, daba a volta de honra ao circuíto. Os dous españois non foron os únicos en lembrarlle. 

O circuíto de Barcelona-Cataluña gardou un minuto de silencio polo falecemento a semana pasada do mozo piloto de 14 anos Andreas Pérez, cuxo equipo, o Reale Avintia, pintou «de loito» todas as motos da escuadra para o Gran Premio de Cataluña.

Enric Fontcuberta | efe

Os principais representantes da organización do campionato do mundo e a práctica totalidade dos pilotos de MotoGP, con Marc Márquez, Valentino Rossi, Andrea Dovizioso e Jorge Lorenzo á cabeza, xunto á moto de Andreas Pérez, todo o seu equipo, e unha pancarta na que se podía ler «Andreas, sempre lembraremos o teu sorriso», mantiveron o minuto de silencio na recta de meta do trazado de Montmeló.

JON NAZA | reuters

Ademais, todos os integrantes do Reale Avintia, o equipo ao que pertencía o falecido Andreas Pérez, vestiron completamente de negro, e decidiron saír a pista con todas as motos da escuadra, que conta con representación en moto3 (Livio Loi e Vicente Pérez) e MotoGP (Tito Rabat e Xavier Simeon), vestidas de rigoroso negro, coas letras dos patrocinadores en branco, como póstuma homenaxe ao novo falecido.