Florentino Pérez prolonga o seu ridículo no caso Cheryshev

Francisco Pastor

DEPORTES

Dyd Fotografos

O Tribunal Supremo pecha o asunto ao non estimar as alegacións do Madrid

08 jun 2018 . Actualizado ás 12:08 h.

O ridículo do caso Cheryshev, aquel que levou ao Real Madrid a caer eliminado dunha Copa do Rey pola súa aliñación indebida, non parece ter fin. En lugar de ter asumido o erro, como xa padeceron diferentes clubs en situacións similares, Florentino Pérez teimouse en reclamar algo, que foi obxecto de burla, non só en Cádiz , tamén en media España.

Pois ben, o Tribunal Supremo pechou onte o caso ao non admitir o recurso de casación interposto polo Real Madrid contra a sentenza da Audiencia Nacional, que confirmou a aliñación indebida do xogador no partido da Copa do Rey xogado en Cádiz o 2 de decembro do 2015.

A resolución do Supremo, contra a que non cabe recurso algún, pecha un proceso iniciado fai case tres anos, despois de que a xustiza deportiva dese o partido por perdido ao Real Madrid por aliñación indebida do xogador, que foi aliñado cando tiña pendente un partido de sanción da tempada previa na que xogou cedido no Vilarreal.

O Real Madrid acudiu á xustiza ordinaria e, despois de que a Audiencia Nacional tampouco lle dese a razón, presentou recurso de casación ante o Tribunal Supremo, que non foi admitido, segundo avanzou iusport.

O Real Madrid defendeu en anteriores recursos que a sanción que arrastraba o ruso Denis Cheryshev non foi notificada persoalmente ao xogador, que non tiña validez por cumprimento de ciclo e que prescribira en todo caso.

Ridículo histórico

Todo sucedeu nun partido de Copa. Rafa Benítez deixou en Madrid aos seus xogadores máis importantes (Bale, Cristiano , Modric, Kroos, Benzema ou Keylor Navas) e aliñou a un equipo de suplentes, entre eles un Cheryshev que se sentía ninguneado e que estaba a meditar incluso a súa saída ante a falta de minutos. Xogou e ao pouco de empezar marcou.

Todo ía con normalidade, ata que un galego, o viveirense Emilio Rosanes, recibiu a chamada dun medio de comunicación que había descubeirto que el coñecía a irregularidade. Explicou que lle mandou un fax ao Madrid advertíndolle da circunstancia, pero que non lle fixeron caso e que o equipo incorrera en aliñación indebida. A súa voz correuse polo Carranza. O templo cadista revestiuse de Entroido , creando ao momento as súas improvisadas chirigotas: «Benítez mira o Twitter», «Cheryshev non pode xogar» e «Campións, campións» foron os hits que máis soaron.

Butragueño abandonou nese instante o palco e ao intre viuse ao delegado do Madrid, Chendo, abatido no banco. Nada máis iniciarse a segunda metade, con 0-1 no marcador, Benítez cambiou a Cheryshev, pero xa era demasiado tarde.

O tema escoció moito no seo da casa branca. Tanto, que Florentino Pérez teimou en acudir á xustiza ordinaria, para intentar que lle desen unha razón que nunca chegaría. Agora, o Supremo dá o carpetazo definitivo. A última labazada.