O día

Millán Gómez

DEPORTES

18 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

uizás non teñan sido só doce anos, senón máis ben trece. Sufrimos o indecible ata a decepción en Valladolid durante a última tempada en ACB. Nas seis campañas anteriores conseguiuse a salvación de forma desafogada. Desde aqueles cinco triplos consecutivos de César Sanmartín e a chegada de Devin Davis. 90-66 ao Barça unha tarde de domingo. E todo cambiou. En 2003, mesmo fomos novenos por diante do Real Madrid.

Durante estes anos, vivimos de todo. Lembro o primeiro partido tras o descenso.

Foi en Los Barrios. Un baño de realidade. Na primeira tempada, nin sequera playoff.

No tramo final, chegou Malik Dixon, un absoluto xenio. Sempre tiven a sensación que, de clasificarnos entre os oito primeiros, ascendésemos, aínda que só fóra por telo a el. Un ano despois, Dixon anotaba a canastra que lle daba a Liga israelí á súa Hapoel Holon fronte a Maccabi Tel Aviv. Porque no breoganismo sempre tivemos a sensación de que os nosos, cando se marchaban, sempre eran mellores lonxe de Lugo. E que, contra nós, eran invencibles.

En 2008, a F4 de Cáceres. Ir perdendo de 15 e remontar ante GBC. Aquel marcador provisional 67-68. Adiantámoslles e acabamos perdendo. Desde aí, tres anos de travesía. Na tempada 2010-2011, os inicios foron paupérrimos. Mesmo, temín polo descenso a LEB Prata. Eran os inicios de James Feldeine. Individualista ao principio.

Crecendo ata aquela canastra contra León. Agora, estrela de Euroliga.

Desprazamentos a León e Compostela para volver rexurdir socialmente. Na edición 2014-2015, con Lisardo e Gary McGhee, volvemos soñar. Un 11-23 provisional no quinto e definitivo partido en Ourense. Parcial de 12-0 en contra. Foron eternos minutos cunha única meta: aplaudir o mérito dun sobresaliente equipo.

Sempre a sensación de non ter o mellor persoal. De que fichabamos xogadores un chanzo por baixo dos mellores. Ata este ano. Anos de pingueiras, de medo pola supervivencia do club. De frío, que é a metáfora máis precisa da tristeza. Daquel luns 22 de agosto de 2016 onde podía desaparecer o club, que non nós. De sempre ter a sensación de perder os partidos decisivos ata gañar este ano en Prat. De mércores de inverno, pero con esta afección fiel. O noso patrimonio.

O venres, non foi unha celebración. Foi un respiro. Un alivio. Unha feridas que, por fin, cicatrizaron para facernos, se cabe, aínda máis fortes. Somos o Breo.