O Breogán recupera a rutina

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

DEPORTES

ÓSCAR CELA

Os celestes volveron onte ao traballo tras certificar o ascenso deportivo á ACB, para preparar o duelo contra o Básquet Coruña

18 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A pista do Pazo respiraba onte normalidade. Ás 18.00 horas o ollo máis adestrado tiña que esforzarse por atopar diferenzas con outra semana calquera. Catro días despois de certificar o ascenso deportivo á ACB, o equipo de Natxo Lezkano traballaba con intensidade e concentración.

Ricardo Uriz, Sergi Quintela, Salva Arco, Danilo Fuzaro, Sandi Cebular, Leo Demetrio, Herve Kabasele e Matt Stainbrook traballaban sobre a pista. Con eles, tres xogadores do Estudantes completaban o grupo. Guille Rubio pasou boa parte da sesión facendo bicicleta á marxe, coa vista posta nos exercicios que realizaban os seus compañeiros e as indicacións do técnico vasco. Faltaba Emir Sulejmanovic, que tivo que volver a Fuenlabrada a petición do club madrileño e que non volverá competir cos celestes o que queda de liga regular. Tampouco estaba Christian Díaz, cuns días de permiso por problemas persoais, nin Johan Löfberg.

O venres terán que dar a cara en Riazor, tras unha semana de celebracións. Competirán sen presión ante un Básquet Coruña que acumula dúas derrotas consecutivas. Os de Gustavo Aranzana caeron contra Palma (79-90) e contra Huesca (82-63) e son oitavos con 16 vitorias.

A lea do canon

Alá polo mes de xullo, a ACB aprobou unhas novas condicións económicas de acceso tras as negociacións coa FEB e o CSD. Eliminouse o canon e o chamado Fondo de Regulación de ascensos e descensos. No seu lugar, estableceuse unha cota chamada Valor de Participación (1,6 millóns de euros a embolsar en catro campañas e con dereito de reembolso en caso de descenso). Burgos, por exemplo, asume o pagamento detrayendo os 400.000 euros dos 500.000 que paga a liga a cada equipo por curso.

O Breogán deixou no seu día depositados máis de dous millóns de euros en concepto de canon, para non ter que afrontalo no caso dun posible ascenso. Co cambio de condicións, parece lóxico que os celestes non queiran iniciar unha loita que poña en perigo o ascenso desde os despachos e no curto-medio prazo dan por perdida esa cantidade embolsada na ACB.