Fillas de Cassandra instala doce cadeiras para convidar á súa particular «Tertúlia»
CULTURA
A peza creativa na Fundación Granell permite preescoitar o seu novo disco
07 abr 2026 . Actualizado a las 20:21 h.«Déixate ver, déixate ver. [...] Vémonos na praza para falar». Así cantan Fillas de Cassandra nun dos seus temas do novo disco, Tertúlia, que sairá o 24 de abril. Pero os que queiran xa poden sumarse a esa particular conversa á que convidan Sara Faro e María SOA. As cadeiras para poder sentar de vagar —ou non, porque algunhas repelen— xa están colocadas no último andar da Fundación Eugenio Granell de Santiago, despois de que o colectivo As Dúas e Punto, formado por Carmen Casal e María Torres, transformase en escultura o universo creativo do dúo musical vigués. Con esta instalación, «Tertúlia: doce cancións, doce cadeiras», Fillas de Cassandra permite a preescoita da totalidade do seu novo traballo. Despois de abrir as súas portas este martes, continuará este mércores de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00. Logo, o proxecto desprazarase a Madrid, onde permanecerá os días 10 e 11 no espazo Infinito Delicias. Todo, para abrir boca para o día 24 de abril coa saída do disco e para a conversa máis numerosa do día 9 de maio coa presentación ao vivo no recinto feiral de Pontevedra: «No directo é onde nos sentimos máis cómodas».
As cadeiras desta instalación —seguindo tamén a imaxe da portada do disco— están dispostas en círculo invitando á complicidade, a conversar de vagar aínda que xa pareza que non hai novos asuntos dos que falar, a saír á fresca como facían as mulleres hai unhas décadas... «Oxalá pasen mil días sen ternos que despedir. Quedarnos nesta sombriña e nunca máis parar de rir», pode escoitarse cantar a Fillas de Cassandra xunto ao navarro Zetak, despois de acceder ao tema Bucólica a través dun código QR.
Este dúo musical vigués, que pon o foco no que pretende contar, nesta ocasión fai un pequeno axuste: «Xa non era tanto o que, senón que o que queriamos era contar en si mesmo, falar. O acto en si era a conversa», afirmou Sara Faro. Nese sentido, engadiu: «Neste tempo de hiperconectividade no que vivimos a través das redes sociais, despois vemos que hai unha sensación de illamento no real. Polo tanto, pensamos que a través da conversa e da reunión era posible reconstruír o sentimento de comunidade fronte a todo ese individualismo».
Nese aposta polo encontro, pola comunidade, foi onde xurdiu Tertúlia. «Na sociedade na que habitamos agora mesmo entendemos que falar e escoitar sen filtro e sen un límite de tempo é case unha posición política», engadiu María SOA, lembrando que hoxe é moi difícil falar e non pensar que, chegado un momento, podes estar molestando á outra persoa, xa que ten que marchar. Ademais de amosar que este é o seu xeito de habitar, este traballo tamén lles serviu para explorar novas formas de expresarse. «Tamén buscamos novas voces nosas, ditos, murmurios, novas maneiras de cantar, distintos estilos...», detallou. Por iso, á conversa de Fillas de Cassandra se sumaron artistas de moi diferentes eidos, caso do multiinstrumentista Abraham Cupeiro, que este martes tamén se sumou á presentación na Fundación Granell para interpretar a nana Filla filliña, na que acompaña co seu aulós grego as voces de María SOA e Sara Faro. Outras das colaboracións son Zetak, Pipiolas e Ede.
Para compoñer as cadeiras que conforman a instalación, o colectivo As Dúas e Punto partiu da escoita dos primeiros avances dos temas. A partir de aí, detallou María Torres, foron traducindo os pequenos elementos, as letras e as melodías en cores, texturas e materiais. Así, por exemplo, ese Filla filliña convértese nunha randeeira de madeira e ratán para funcionar como unha nana interxeracional. Tertúlia, pola súa banda, é a peza máis sólida e funcional, de madeira e metacrilato con espello, convida a desobedecer. Unha cadeira que semella as que se levaban hai anos á praia con cinchas de cores rechamantes serve para evocar Saír á fresca. Para referirse ao rumor constante e á complicidade de Cuchicheo empréganse dúas cadeiras de plástico branco entrelazadas cunha bota de charón negro. Tamén hai a «anticadeira», que está cuberta con pinchos antipombas negros co fin de incomodar, xa que Alboroto, tal e como recolle a letra, «quere incomodar». Para Bucólica, o musgo artificial e flores naturais conviven para simbolizar a pausa e o tempo de botar raíces. O confortable poliuretano verde con cinchas laranxas fala de aferrarse e do duelo de Amor; mentres que a peza de veludo morado e espuma branca que celebra a amizade serve para evocar Lodos. Pola súa banda, a transparencia do metacrilato convivindo cunha pedra de papel maché invita á escoita de Déixate ver, mentres que a cera branca leva á éxtase da liberación en comunidade de Insolación, e uns elementos semellantes aos vimbios animan a continuar o baile ata que a festa remate de Verbena. Hai máis, ata completar a ducia de temas deste traballo no que os sons tradicionais conviven con ritmos urbanos e a electrónica. Con todo isto, a conversa está iniciada e «voltan xa as tardes de tertulia, o convite a desobedecer», tal e como cantan Fillas de Cassandra.