En 1985 incorporouse a La Voz de Galicia, onde, durante 21 anos, publicou unha caricatura diaria sobre un feito político relevante
09 nov 2025 . Actualizado a las 18:49 h.A Xunta de Galicia colabora un ano máis polo Día da Ilustración —30 de xaneiro— coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, que para o 2026 homenaxeará a Siro López, coñecido como Siro, un artista que destaca polo seu traballo como caricaturista político e humorista gráfico, ademais doutras facetas como retratista, debuxante e pintor. Este é o segundo ano no que se escolle para a efeméride unha persoa en vida.
Nado en Ferrol en 1943, Siro foi un debuxante precoz con facilidade para o debuxo desde a infancia. Non tardou en experimentar con todas as técnicas posibles: tinta e pincel, sanguina, carbón, grafito, pluma, pastel ou mesmo técnicas dixitais. Comezou como delineante en Bazán e pasou ao xornalismo gráfico en 1985, cando Santiago Rey Fernández-Latorre lle propuxo incorporarse a La Voz de Galicia. Juan Ramón Díaz, daquela director do xornal, encargoulle unha caricatura diaria sobre o feito político máis relevante en Galicia, tarefa que desempeñou durante 21 anos.
Ademais, foi o deseñador da Praza do Humor da Coruña (1990) e o autor do curso de galego Imos aló?, emitido na Televisión de Galicia entre 1989 e 1990. A Xunta traballa xa na posta en marcha de diversas actividades, como obradoiros ou exposicións, baseadas na traxectoria de Siro.