Inesquecible Laxeiro

CULTURA

Fundación Laxeiro
Fundación Laxeiro M.MORALEJO

19 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

0gran pintor galego Xosé Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, naceu na parroquia de Donramiro (Lalín) o 23 de febreiro de 1908 e morreu en Vigo o 21 de xullo de 1996, ós 88 anos de idade. Xunto con Luis Seoane e Manuel Colmeiro, outros dos grandes artistas que deu Galicia, formou parte do grupo Os Renovadores, que conformaron a vangarda artística galega.

Coñecino cando, sendo aínda mozo, estaba a pasar unhas vacacións de verán na Pastoriza de Lugo (a miña Pastoriza natal). Lin entón por primeira vez unha noticia nun xornal sobre Laxeiro, un pintor que xa daquela comezaba a chamar moito a miña atención. Sen dubidalo, chameino por teléfono para acordar unha entrevista, e ó día seguinte xa estaba na súa casa, en Lalín.

Foi entón cando souben da súa vida en América, sobre todo dos case vinte anos que pasara en Bos Aires, por onde andaran tamén Luis Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suarez Picallo, Eduardo Blanco Amor e Isaac Díaz Pardo, entre outros que deixaran unha profunda pegada no país.

A entrevista foi, ó cabo, unha longa conversa que comezou mediada a mañá e que terminou ó anoitecer. Así fun sabendo dun pintor que nacera en Galicia e que comezara admirando a grandes artistas universais como Rembrandt, Rubens, o Greco, Velázquez, Goya e, ó cabo, tamén a Picasso. Aínda que Laxeiro quizais foi máis ben un pintor sen receitas e con poucas teorías.

Despois dese día con el, tardei en volver a velo. De feito non o vin de volta ata que comezou a vivir en Madrid, nun piso sobre o célebre Café Gijón, centro de faladoiros frecuentados por escritores (entre outros, Camilo José Cela) e célebres dramaturgos, actores e cineastas de distintas épocas.

Nesta forxa vital, Laxeiro acabou de consolidarse coma un gran pintor e tamén coma un personaxe singular con innumerables anécdotas. Castelao atinara cando dixera: «Galicia ten un pintor». Lalín, Bos Aires, Madrid e Vigo foron os seus espazos preferentes. Os espazos físicos dun pintor finalmente inesquecible.