A Banda Sinfónica Galega gaña o primeiro premio no Certame Internacional de Valencia

Redacción LA VOZ

CULTURA

A Banda Sinfónica Galega impúxose na Sección Libre do 137 CIBM «Ciudat de València»
A Banda Sinfónica Galega impúxose na Sección Libre do 137 CIBM «Ciudat de València» PALAU MÚSICA VALÈNCIA | EUROPAPRESS

A actuación da BSG logrou o venres un total de 352 puntos, dos 400 posibles, e o recoñecemento do xurado, cunha formación integrada na súa totalidade por músicos galegos, dirixidos polo mestre David Fiuza

19 jul 2025 . Actualizado a las 16:29 h.

A banda sinfónica galega (BSG) obtivo o primeiro premio e a mención de honra na 137.ª edición do Certamen Internacional de Bandas de Música Ciutat de València na sección libre. A actuación da BSG logrou o venres un total de 352 puntos, dos 400 posibles, e o recoñecemento do xurado, cunha formación integrada na súa totalidade por músicos galegos, dirixidos polo mestre David Fiuza.

Este proxecto, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), reuniu nesta ocasión a unha selección de 64 mozas e mozos de entre 15 e 28 anos pertencentes ás diferentes bandas galegas, no contexto do XVII Encontro da Banda Sinfónica Galega (BSG). A interpretación maxistral do repertorio no Palau da Música de València levou a esta formación a acadar o primeiro premio ante o xurado formado por Salvador Sebastiá, Jesús Chapi, Colleen Richardson, Amadora Mercado e Andrés David Ascanio Abreu.

Repertorio variado

A concentración preparatoria tivo lugar durante toda esta semana na cidade de Lugo, onde a BSG tivo a oportunidade de preparar un repertorio bandístico variado de alto nivel. As obras interpretadas durante a xornada de onte, ambas de autoría galega, dan a ver a alta calidade das novas xeracións de compositores.

A primeira das composicións, Bodas de Sangre do compositor coruñes León Durán, trátase dun poema sinfónico inspirado na traxedia homónima do dramaturgo Federico García Lorca. Esta peza, composta no ano 2022, foi primeiro premio con mención de honra no I Concurso Internacional de Composición Emili Giménez Bou, celebrado en Cullera, e estrenada por primeira vez en Galicia de man da Banda Sinfónica Galega. A segunda obra interpretada foi Choivas das Cíes, de Luís Serrapio Fernández, peza que representa maxistralmente os diferentes tipos de choivas nestas illas.

A dirección artística deste proxecto recaeu no director crucés David Fiuza, que conta no seu currículo coa dirección de diversas agrupacións galegas de renome, como a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda Artística de Merza ou a Banda de Lalín