
Inclúe textos e poesías de sesenta autores sobre un persoeiro «irrepetible»
18 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Desde o templo da galeguidade que é San Domingos de Bonaval co Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, a presentación do libro Castelao. Entre nós, 75 anos despois foi unha declaración de intencións e unha chamada unánime para a construción dunha Galicia mellor seguindo a luz dos persoeiros que descansan alí, Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Domingo Fontán, Ramón Cabanillas, Francisco Asorey e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A vida e a obra polifacética do ilustre rianxeiro, contada por el mesmo coa escrita de Paco López-Barxas e ilustrada por Isabel Pintado, está recollida nesta orixinal iniciativa editorial que enriquece a conmemoración do Ano Castelao.
O libro ábrese cunha resumida biografía ficcionada, narrada en primeira persoa polo propio Castelao, desde os tempos na escola cando os alumnos que falaban galego tiñan que varrer o patio e a primeira viaxe a Arxentina coa súa nai para coñecer ao pai, «mudanza que deixou en min unha pegada de morriña permanente por Galicia», ata a constitución do Consello de Galiza e a participación en París nas institucións republicanas no exilio e o regreso a Arxentina, onde faleceu o 7 de xaneiro de 1950.
O libro publicado por Teófilo Edicións reconstrúe a visión que Castelao tiña dos galeguistas da súa xeración, a Xeración Nós, a partir da frase «Non o esquezades nunca: Xuntos avanzaremos moito máis!», e tamén analiza o seu pensamento a través dunha selección dos seus textos e cartas a Alexandre Bóveda e Eduardo Blanco Amor. A parte máis extensa deste volume luxosamente editado corresponde a textos sobre Castelao de corenta autores, moitos deles os máis destacados galeguistas contemporáneos do autor de Sempre en Galiza, e outros posteriores —algúns deles presentes no acto celebrado onte— como Miguel Anxo Seixas, Siro López, Torres Queiruga, Alfredo Conde, César Antonio Molina, Armando Requeixo, Felipe Senén, Xosé M. Núñez Seixas ou Henrique Monteagudo. Tamén recolle poesías dedicadas ao protagonista do libro por dezanove poetas, como Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Luz Pozo Garza, Uxío Novoneyra, Salvador García-Bodaño, Xohana Torres e Xosé Luís Franco Grande, ata Darío Xohán Cabana, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco ou Xulio Valcárcel.
José Luis Teófilo, editor deste libro que está encadrado na programación da Xunta con motivo do Ano Castelao, presentouno como obra coral que xunta a persoas de pensamentos diferentes en homenaxe ao literato, debuxante e político, e subliñou esa diversidade unida arredor da idea de Galicia, porque «Galicia a construímos todos xuntos ou non a constrúe ninguén».
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, se referiron nas súas intervencións á creación por lei da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, por unanimidade dos grupos parlamentarios, e constituída o pasado abril, como exemplo de que é posible chegar a acordos políticos para o progreso de Galicia. Estamos a tempo de «darlle a volta» á situación, dixo Santalices, aos «tempos convulsos» aos que se referiu o autor, Paco López-Barxas, cando afirmou que Castelao «é o espello no que todos debemos mirarnos» para soñar «un país entre todos, soñemos sempre en Galiza». López-Barxas aludiu ao libro como homenaxe colectiva e de recoñecemento «dun autor e dunha obra irrepetibles».
José López Campos destacou a relevancia de «achegar a Castelao, emblema da nosa identidade e cultura, ás xeracións novas», e mostrouse optimista sobre a consecución de consensos —citou o pacto que el propugna polo galego—, «porque hai algo que nos une por encima de todo, a nosa cultura».